Por información recollidas recentemente por algúns medios de comunicación, soubemos que o Concello de Ribeira ten acadado un acordo con Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para levar a cabo o plan de depuración de augas residuais no Concello de Ribeira. Verdegaia —plenamente consciente da necesidade urxente da depuración das augas residuais do Concello de Ribeira—celebra calquera paso encamiñado a tal fin. Desexamos se poñan os medios para que non sigan vertendo as augas residuais á ría sen depurar, cumprir coas normas da Unión Europea que así o esixen, e preservar o medio mariño.

Porén, cremos tamén que para conseguir un sistema de depuración de augas residuais respectuoso co ambiente e cas persoas, e evitar novas demoras, é preciso que a opinión pública estea informada dos proxectos propostos, se permita a súa participación nos mesmos, e se trate de achar o máximo consenso posible entre a cidadanía de Ribeira; buscando a alternativa máis respectuosa co medio ambiente, que é o noso futuro. A avaliación dos proxectos que afectan ao ambiente e a súa mellora por parte da cidadanía está prevista tanto na lexislación europea —Convenio Aarhus— como na española —Lei 27/2006 do 18 de xullo—.

 

Por tal motivo, vimos de solicitar ás Autoridades competentes, difundan os acordos acadados e informen á cidadanía dos proxectos que se van levar a cabo.

Para Verdegaia, o plan de depuración de augas residuais de Ribeira debe contemplar certos aspectos:

  • Separación das augas fecais, pluviais e industriais. Estas últimas deberán contar co seu propio sistema de depuración no propio polígono industrial, e en ningún caso se permitirá o vertido destas augas na rede de saneamento.

  • Varias depuradoras son moito máis efectivas e viables que unha soa macrodepuradora, xa que se se producise unha avaría nunha depuradora, as augas residuais poderían ser depuradas nas outras depuradoras en lugar de verterse directamente ao mar sen depurar.

  • Tanto as depuradoras como os puntos dos seus vertidos deberán estar o máis afastados que sexa posible de espazos naturais protexidos e da poboación.

  • No se admitirá en ningún caso aliviadoiros para verter ao mar as augas sen depurar, no caso de mal funcionamento do sistema ou aportes das chuvias excesivos.

  • Os emisarios das depuradoras deberán estar afastados da costa e a unha profundidade non menor de 40 metros.

Queremos depuración en Ribeira, pero querémola en condicións.

Porque, onde vivimos, a nós si nos importa.