O Goberno central acaba de facer público o Borrador da Estratexia Española de Mobilidade Sustentable. Para Ecologistas en Acción, trátase dunha serie de recomendacións e propostas de actuación que non terán apenas repercusión positiva porque non teñen carácter legal. O Goberno ten a obriga de elaborar unha Lei de Mobilidade Sustentable que reconduza os graves impactos ambientais, sociais e económicos que hoxe por hoxe está ocasionando o transporte.

O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino acaba de colgar na súa páxina web o "Borrador 15/01/09 da Estratexia Española de Mobilidade Sustentable". Ao mesmo tempo, abriuse un período de participación pública até o 7 de febreiro, para que se acheguen comentarios ao devandito documento.

A principal crítica que fai Ecologistas en Acción a esta Estratexia é o seu carácter de mera recomendación, sen forza legal para facer cumprir as súas formulacións. A organización ecoloxista considera que os graves problemas de carácter ambiental, social, económico e territorial que hoxe causa o transporte en España, deben ser abordados de forma decidida cunha Lei de Mobilidade Sustentable, non con recomendacións que con toda seguridade serán incumpridas.

Efectivamente, o transporte é xa o principal sector en canto á súa contribución a nivel estatal ás emisións que causan a mudanza climática (un 25,4% das emisións totais); tamén consome un 39,2% da enerxía final que se emprega en España; xera graves problemas de contaminación do aire e de ruído nas áreas urbanas; a fragmentación do territorio que provocan as grandes infraestruturas -autovías, liñas de AVE- é a principal ameaza da biodiversidade no Estado español,…

Ademais, o Goberno ten a obriga de elaborar con carácter urxente unha Lei de Mobilidade Sustentable. A Lei de Calidade do Aire e Protección da Atmosfera -Lei 34/2007- di na súa Disposición adicional sétima que "o Goberno, en desenvolvemento das medidas urxentes a adoptar contra as alteracións climáticas, elaborará unha lei de mobilidade sustentable". Por si isto fose poco, a promulgación desta necesaria Lei estaba incluída entre as promesas electorais do PSOE.

Aínda que boa parte das propostas que realiza o Borrador da Estratexia son acertadas desde o punto de vista de Ecologistas en Acción, hai algunhas que son inasumibles. Entre outras, que se presente ao Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transporte do Ministerio de Fomento, PEIT, como un dos xeitos de acadar a sustentabilidade no transporte, cando en realidade se trata dun Plano desenvolvimentista e insustentable, que ignora a nosa sobredotación en autovías e que se está realizando incumprindo a lexislación sobre avaliación ambiental estratéxica.

Por outro lado, Ecologistas en Acción bota en falta na Estratexia medidas máis ambiciosas e claras para reducir a demanda de transporte. Non se pode camiñar cara a sustentabilidade se non se diminúen as taxas de mobilidade -de persoas e mercadorías- en todos os medios de transporte, pero en especial nos máis insustentables, como a estrada e a aviación.

 En todo caso, todas as propostas incluídas na estratexia,  positivas ou negativas, non son máis que un brinde ao sol. Unhas meras recomendacións que as distintas administracións ignorarán mentres non teñan a obriga legal de cumprilas. E isto só se conseguirá cunha Lei de Mobilidade Sustentable que, hoxe por hoxe, non parece estar nos planos do Goberno.

Máis información:

Área de Transporte de Ecologistas en Acción