Serra do Galiñeiro - Imagen en Acción en FlickrA Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que fai parte Verdegaia, vén de apresentar alegacións ó Proxecto de parque eólico da Serra do Galiñeiro. Dende a nosa asociación tamén colaboramos co resto de colectivos da Plataforma para recoller as máis de 8000 alegacións de cidadáns individuais que asinaron unha alegación contra este impactante proxecto.

A pesar das dificultades que a Administración nos puxo, dende a Plataforma preparamos un  extenso argumentario ante as distintas infraccións nas que o proxectado  polígono eólico incorrería na serra do Galiñeiro.

O prazo para preparar o documento de alegación foi de só un mes, do  que os primeiros días non tiñamos practicamente acceso ao proxecto, ao  tratarse este de un extenso documento de centos de páxinas e planos  que só podiamos consultar nas oficinas dos concellos ou da consellería  de industria. O documento dixitalizado tivo que ser pedido á Xunta e  conseguido con esforzo. Foi só na última semana, e cando se nos  comunicou que non daban ampliación do prazo de alegacións, que nos  enviaron o Proxecto en formato dixital.

Esta Plataforma conseguiu redactar en poucos días e coa adicación do  tempo libre dos seus membros, un traballo máis exhaustivo do que  fixeron no gabinete de redacción do estudo de impacto de Terra do  Vento, que nalgúns aspectos é unha redacción teórica copiada de  diversas fontes e sen estudo de campo.

Os estudos de impacto son encargados como trámites, e aínda que en  ocasións son estudos feitos por profesionais serios, noutros casos coa  súa desidia burlan e desprezan os valores desta serra.

Queremos dar as grazas unha vez máis a toda a xente que colaborou asinando a alegación persoal pedindo a retirada do Proxecto de Parque eólico na serra do Galiñeiro. Grazas a todas e todos eles, presentamos máis de 8.000 alegacións.