Verdegaia denuncia a súa exclusión inxustificada do Consello Municipal de Medio Ambiente por parte da Concellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, á fronte da cal está a concelleira Elvira Cienfuegos. O Concello non informou a Verdegaia do proceso de renovación dos membros deste Consello, que tivo lugar no último trimestre do ano pasado, polo que non tivo a oportunidade de participar na escolla dos tres representantes dos grupos ecoloxistas de Santiago que forman parte do Consello. A actitude de desprezo cara a Verdegaia amosada por Elvira Cienfuegos é sectaria e antidemocrática.

Verdegaia dirixiu dous escritos ao Concello, destinados á concelleira de medio ambiente e ao alcalde, en relación co Consello Municipal de Medio Ambiente, sen recibir ningunha resposta, como ten acontecido até agora con todos os demais escritos dirixidos por Verdegaia ao goberno municipal. No último escrito, entregado o pasado 24 de Xaneiro no Rexistro municipal, Verdegaia pedía explicacións sobre as razóns da súa exclusión da última renovación do Consello Municipal de Medio Ambiente. Éste é o órgano consultivo e asesor en materia de medio ambiente do Concello, adscrito á Concellería de Medio Ambiente, no que están representadas, entre outras organizacións, sindicatos e asociacións veciñais e ecoloxistas.

Ao ser Verdegaia unha asociación legalmente constituída, de ámbito galego e que tamén desenvolve actividades de carácter local no concello de Santiago, cuxa existencia é sobradamente coñecida polo Concello -e, en particular, pola concelleira Elvira Cienfuegos-, non cremos xustificable que se teña ignorado desde o Concello a Verdegaia á hora de proceder á renovación do Consello Municipal de Medio Ambiente. Verdegaia non achou ningún requisito no Regulamento deste Consello Municipal que puidese xustificar a súa exclusión.

Axenda 21 local pouco participativa 

Verdegaia lamenta especialmente que a súa exclusión do Consello Municipal conleve ademais a imposibilidade de participar no proceso de elaboración da Axenda 21 Local, -o plano local para a sustentabilidade- que foi retomado en decembro pasado. A Concellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible tampouco respondeu á solicitude de Verdegaia para acceder á documentación necesaria para achegar suxestións para a  Axenda 21 local, en concreto, a correspondente aos diagnósticos realizados, a proposta de liñas estratéxicas a seguir para deseñar o "plano de acción" e o  modelo de ficha para rexistrar propostas de accións e proxectos para desenvolver e integrar no "plano de acción". A forma en que a Concellería de Medio Ambiente está a conducir este proceso, limitando a participación cidadá ao Consello Municipal, deixa en evidencia o seu compromiso coa participación social.

Propostas para unha Compostela sustentable

Verdegaia presentou en outubro pasado o documento "Propostas para unha Compostela sustentable", con suxestións para a elaboración da Axenda 21 local e, en xeral, para o desenvolvemento das políticas municipais.