A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta ocultou á poboación compostelá unha superación do umbral de alerta polo contaminante atmosférico dióxido de nitróxeno (NO2) rexistrada o 11 de agosto de 2006, durante a vaga de lumes, na estación que mide a calidade do aire na cidade de Santiago.  Desta forma, e contrariando a normativa de calidade do aire, privouse á poboación dunha información relevante para a protección da súa saúde.

Verdegaia-Compostela considera que este feito é unha proba máis da lixeireza coa que a Consellería de Medio Ambiente trata a cuestión da calidade do aire en Santiago e esixe que se depuren responsabilidades.

O umbral de alerta por NO2, establecido polo RD 1073/2002, sitúase nunha concentración de 400 microgramos/m3 rexistradas durante tres horas consecutivas. É o nivel a partir do cal unha exposición de breve duración supón un risco para a saúde humana. A superación deste umbral acontecida en Santiago está relacionada coa vaga de incendios de agosto do ano pasado. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, encabezada polo ex-concelleiro compostelán Xoaquín Buergo del Río, incumpriu a obriga legal de fornecer un conxunto de informacións mínimas á poboación, como a data, hora e lugar do episodio de contaminación, as súas causas, a poboación potencialmente sensible ao episodio e as precaucións que debe adoptar a poboación sensible. 

Verdegaia tivo acceso á devandita información logo de revisar os datos sobre a calidade do aire en España compilados polo Ministerio de Medio Ambiente que veñen de ser publicados na web da rede EIONET (European Environment Information and Observation Network) da Axencia Europea de MedioAmbiente[1].

Traslado da estación de calidade do aire da cidade de Santiago

En relación co recente traslado da estación da calidade do aire de Santiago desde a Praza de Vigo até o Campus Sur, coa finalidade de  "obter unha mellor representatividade dos datos sobre calidade do aire da cidade", Verdegaia segue a agardar pola documentación técnica  que tería xustificado este traslado, e que solicitou o 14 de setembro pasado ao Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ao abeiro da lexislación sobre acceso á información ambiental. A reavaliación da localización da estación debería terse producido logo dun estudo  rigoroso sobre a distribución espacial de concentracións de contaminantes na cidade, estudo que todo indica que non foi realizado.

Mentres non se xustifique adecuadamente, Verdegaia entende que o traslado da estación de calidade do aire de Santiago, así como a ocultación da información sobre o umbral de alerta e outros incumprimentos importantes da normativa de calidade do aire no que atinxe á información ao público[2], obedece ao interese da Consellería de Medio Ambiente en ocultar, en lugar de resolver, os problemas de calidade do aire existentes en Santiago. O mesmo se pode dicir sobre o silencio da Consellería de Medio Ambiente a respecto das superacións dos valores límite para a protección da saúde humana de partículas en suspensión no contorno da fábrica de FINSA.

O traslado produciuse despois de que Verdegaia divulgase o pasado 13 de setembro, a través dunha nota de prensa, a superación do valor límite horario de NO2 para a protección da saúde humana no centro de Santiago, segundo os datos publicados pola Consellería na súa web.  Tanto en 2005 como en 2006, superouse o valor límite que estará vixente en 2010, e ademais en 2006 superouse moi amplamente o valor límite máis a marxe de tolerancia aplicable en 2006, o que obriga a actuar aos poderes públicos. Os elevados valores de NO2 (contaminante normalmente asociado ao tráfico) en Santiago mereceron mesmo unha referencia na Estratexia Española de Calidade do Aire do Ministerio de Medio Ambiente.

O tráfico deteriora a calidade do aire no centro da cidade         

En calquera caso, do que non hai dúbida é de que a antiga localización da estación de calidade do aire era representativa de moitas rúas e prazas de Santiago sometidas a un intenso tráfico, polo que se pode concluír que a deterioración da calidade do aire debida ao exceso de tráfico é un problema importante  cando menos en parte do centro da cidade.

Verdegaia-Compostela participa na campaña Aire Limpo, promovida a nivel estatal por Ecologistas en Acción.


[1] http://cdr.eionet.europa.eu/es/eu/annualair/envrwdeg/questionnaire2004_461_2004_SPAIN_2006_v1.xls

[2] Sobre isto, pódese consultar o informe de Verdegaia e Ecologistas en Acción "Calidade do aire en Galicia 2006": http://www.verdegaia.org/content/view/377/87/