Último contacto social do conselleiro responsábel do gasContra toda planificación, o gas de Reganosa estase a espallar cada día capilarmente polo país en perigosos camións-tanque crioxénicos, …e a cousa vai a máis. Ao contrario do estabelecido no plano estratéxico para a enerxía galega (de 2007 a 2016) que prevía a construción dunha rede de gasodutos, a consellaría da Industria está a subsidiar as empresas gasistas para construiren, no canto e con cartos públicos, as chamadas "plantas satélites" da malfadada Reganosa.

As empresas gasistas tiñan comprometidos estes investimentos estructurais con Galiza, e agora, se cadra pola crise, a Xunta págalles por abandonar este sistema e construiren precarias regaseificadoras locais de ultrabaixo custe. Nos informes anuais a accionistas, estas multinacionais seguen a se gabar dos centos de millóns de euros de beneficios netos que colleitan na nosa terra.

Verdegaia leva perto de dous anos a participar como asociación ecoloxista nos procesos de tramitación pública, tanto dos arrombados gasodutos, como das barateiras PSRs. En vista das deficiencias de tramitación e dos eivados proxectos que se estaban a autorizar, a asociación leva moitos meses á procura dunha xuntanza cos responsábeis do asunto na consellaría, coa calada por resposta.

O conselleiro Guerra inhíbise totalmente para o diálogo coas organizacións sociais. A interacción con Verdegaia é nula despois de cinco peticións por escrito, e o último contacto aberto á cidadanía que se lle coñece foi a choqueirada que protagonizou na praza do Obradoiro, parodiando a muller traballadora.

Hoxe foi entregado no Valedor do Pobo a queixa que se xunta, cun completo expediente, onde se denuncia o incumprimento por parte deste conselleiro dos principios de participación, responsabilización, transparencia e credibilidade que han rexer na xestión de asuntos con consecuencias ambientais.

 

pdf Queixa ao valedor pola xestión do gas e bloqueo ao diálogo do conselleiro