Acacia Negra no parque do Monte de ConxoO concello de Compostela está inzado de especies de flora alóctone e invasora. Veno de verficar a asociación ecoloxista Verdegaia coincidindo coa publicación dunha lei para o endurecemento do código penal, a este respecto, o pasado 22 de xuño. Apresentouse ao Concello un escrito analisando a situación, desde a atinada actuación na Selva Negra, até as desafortunadas atencións que se presta ás invasoras nos parques municipais. Acompáñase un informe con fotografías, especies e localizacións destacadas pola agresión das invasoras, e solicítanse diversas accións.

A mudanza no artigo 333 do código penal, que introduce a lei orgánica 5/2010, responde a criterios de harmonización coas directivas europeas, e recolle agora que:

Quen introducir ou ceivar especies de flora e fauna non autóctone, de xeito que prexudique o equilibro biolóxico, infrinxindo as leis ou disposicións de carácter xeral protectoras das especies de flora e fauna, será castigado coa pena de cadea de catro meses a dous anos, ou multa de oito a vintecatro meses, e en todo caso inabilitación para profesión ou oficio por tempo de un a tres anos.

Oportunistas que levan ao empobrecimento

A flora invasora en Compostela está espallada por todo o seu termo municipal rural e urbano, tanto en espazos florestais como en espazos públicos de lecer e outros baldíos; constituindo un grave problema ambiental. Entre outros males, contan cunha elevada capacidade para se dispersaren polo territorio, substituindo outras especies propias dos ecosistemas galegos e minguando a nosa biodiversidade. Isto leva á merma da calidade dos solos, risco de lumes ou de pragas, desaparición da fauna e outras plantas, e en definitiva ao empobrecimento.

As especies arbóreas máis espalladas -alén do máis que coñecido e padecido eucalipto (Eucaliptus globulus)- son a acacia negra (Acacia melanoxylum), a mimosa (Acacia dealbata) e a robínia (Robinia pseudoacacia). Entre as sebes, preocupa o avance do bambú (Phyllostachys aurea) e os plumeiros (Cortaderia selloana). E das herbáceas salientan entre outras, a orella de gato (Tradescantia fluminensis), o senecio (Senecio mikanioides) ou os sombreiros (Petasites fragans). Pódense ollar fotografías e as localizacións investigadas por Verdegaia na sondaxe que se xunta.

Algunhas destas especies oportunistas foron traídas de lonxe con intencións ornamentais, produtivas ou mesmo con pretendidas funcións construtivas nas obras públicas. Hoxe, as plantas invasoras son un problema ambiental grave que haberá que afrontar, antes ou despois, cun grande esforzo e custe económico.

Actuación do concello na Selva Negra

A concellaría compostelá do Ambiente vén de acometer unha primeira fase de recuperación da Selva Negra para a eliminación dos eucaliptos e as acacias nesta finca de case 350 ferrados (22 ha). Unha complexa operación que expuña a equipa responábel hai un par de meses aos colectivos ecoloxistas e científicos, recuperaban aproximadamente sete mil pés de carballos e outras árbores autóctones, que esmorecían esganadas polas invasoras. A eliminación é complexa e vai precisar de moitos anos de recuncar nos traballos para controlaren os abrollos.

Compre dármoslles os parabéns pola iniciativa, mais lembrar tamén que está practicamente todo aínda por facer. A carón da Selva Negra, nas abas do Pedroso, hai montes públicos inteiros de eucalipto, acacias e piñeiros de fóra, sementados polas propias administracións.

Nos parques e vías públicas hai mimosas, acacias negras, robinias, plumeiros, herba do coitelo, bambús e outras; que se abonan, cavan e coidan cos cartos púbicos. Obras novas do concello, doutras administracións e privadas, son visadas polos departamentos municipais autorizando a planta das especies invasoras que figuran nos proxectos que solicitan a licenza, aínda figurando nos catálogos oficiais de especies perniciosas.

Información e sensibilización cidadá

Estes feitos agravan o problema, non só pola introdución de máis biomasa alóctone, senón mesmo pola complicación dos procesos de sensibilización social, acabando por semellaren "boas" as especies invasoras que introduce e coida a propia administración.

Desde Verdegaia pídese:

  • que o concello intensifique os proxectos de recuperación como o da Selva Negra,

  • que elimine as invasoras que está a criar nos parques, xardíns e vías públicas,

  • que inste á administración autonómica e estatal a facer o mesmo nos seus montes ou infraestruturas, e

  • que encete proxectos de información e sensibilización para a cidadanía propietaria de fincas, hortas ou xardíns, mudaren a cultivos máis positivos para a nosa natureza.

Desexamos asimesmo que se fagan as cousas ben, e que haxa unha boa información, para que este novo código penal teña que castigar o mínimo posíbel particulares e resposábeis públicos, e que vexamos cada vez menos agresións á biodiversidade como as da sondaxe que se xunta.

 

pdf Solicitude invasoras ao Concello de Compostela

pdf Informe da sondaxe de invasoras en Compostela Xullo 2010