Na reunión da directiva da P.D.R.A., celebrada onte, martes, 30 de Outubro, no seu local de Vilagarcía de Arousa, tomáronse os seguintes acordos en relación á resolución da goberno da Xunta do Sr. Feijoo aprobando a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva dos depósitos de hidrocarburos e produtos químicos do peirao de Ferrazo:
1º.- Valorar como unha falta de valentía e honestidade do goberno da Xunta do Sr. Feijoo, o ter agachado esta decisión ata que pasasen as eleicións ao Parlamento de Galicia. Amosa con esa actitude, ao noso entender, que era conscente de que tomaba unha decisión contraria ao sentir e á vontade da maioría da sociedade da Ría de Arousa, expresada na “Carta aberta ao Sr. Feijoo” que se fixo pública nos medios de comunicación hai aproximadamente un ano e que estaba asinada pola práctica totalidade dos sectores produtivos da ría.
2º.- Valorar esta decisión como unha agresión ao conxunto dos sectores produtivos e turísticos da Ría de Arousa, que van estar expostos a un contínuo tráfico de hidrocarburos polo interior da ría máis produtiva de Galicia e, por tanto, a un risco de contaminación que é unha ameaza constante ao sustento de milleiros de familias.
3º.- Valorar tamén esta decisión como unha agresión á poboación de Vilagarcía, Carril, Sobradelo e Vilaxoán, que pola súa proximidade aos Depósitos de Ferrazo, están expostas a un perigo continuado de por vida, tanto de contaminación dos seus recursos como de accidente ou explosión con perigo para as súas vidas.
4º.- Acordar encetar todas as accións legais que os nosos servizos xurídicos recomenden para paralizar esta decisión arbitraria, desde un recurso na Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde está pendente a execución da sentenza ratificada polo Tribunal Supremo, ata un contencioso-administrativo contra a propia resolución administrativa tomada (DIA).
5º.- Comezar unha campaña informativa dirixida a toda a Ría de Arousa coa realización de asembleas en todas as agrupacións de mexilloeiros, confrarías, AA.VV., etc., xunto coa edición de carteis e dípticos.
6º.- Ao longo desta campaña informativa daremos conta das iniciativas de todo tipo que se vaian tomando.