zapatero_rodiezmo.jpgCunha simple decisión política, Zapatero pode dar un gran paso cara ao cumprimento do Protocolo de Quioto contra o cambio climático. A inmediata substitución do carbón por outras fontes enerxéticas que xa funcionan en España, menos contaminantes e gravosas, permitiría, como mínimo, reducir as emisións españolas de CO2 aos níveis que se tiñan no 2002. O aforro en dereitos de emisión de CO2 e das subvencións ao carbón farían asumible a necesaria reconversión industrial. 

O sector eléctrico español podería, a día de hoxe, prescindir perfectamente do carbón como fonte enerxética para producir electricidade. Nos últimos anos o seu consumo reduciuse drasticamente sen que o sistema eléctrico se resentise e no pasado mes de abril apenas produciu o 3’3% da electricidade.

A exclusión do carbón, pendente tan só dunha decisión política, suporía un paso de xigante para achegármonos ao cumprimento do tratado de Quioto que o Estado español asinou para reducir as emisións de CO2 e loitar contra a mudanza climática. Após moitos anos de crecemento das emisións de CO2 por enriba dos níveis permitidos por Quioto, España só conseguiu reducir as súas emisións nos dous últimos anos a causa, fundamentalmente, da crise económica e da crise do carbón. O menor uso do carbón supuxo, precisamente, o 47% da diminución de emisións habida entre o 2007 e o 2009.

Nun contexto de previsible volta ao crecemento económico a substitución do carbón por outras fontes enerxéticas xa presentes no sistema eléctrico evitaría volvermos á situación do 2007, ano récord de emisións, e achegaríanos, como mínimo, ás emisións que tiña o Estado español no ano 2002. E con toda seguridade, chegaríase moito máis lonxe dado o peso crecente das renovables, facilitando así o cumprimento dos compromisos asinados por España.

Por iso, Ecoloxistas en Acción acha que as pretensións do Goberno español de validar en Europa o decreto que permitiría máis axudas ao carbón é un grave erro que só alongaría a agonía do sector, malgastando diñeiro público, e botaría por terra os esforzos que deben facerse para diminuír as emisións españolas de gases de efecto invernadoiro, redución cuxa necesidade e urxencia faise cada vez máis patente polos informes científicos que mostran a seriedade desta ameaza global.

O combustible fósil máis contaminante 

O carbón é, sobradamente, a fonte enerxética máis contaminante que se emprega no Estado español e a que maior cantidade de gases de efecto invernadoiro emite, preto dunha tonelada de CO2 por megavatio-hora (MWh) producido, case tres veces máis que outros sistemas de combustión máis modernos. En 2007, só o carbón supuxo o 18´5% das emisións totais de CO2 no conxunto do Estado español.

A falta de rendibilidade económica do carbón, que leva arrastrándose dende hai moitos anos, a diminución da demanda de electricidade e a forte competencia doutras fontes, en especial o gas en ciclo combinado e a eólica, fixeron que a partir de 2008, o uso do carbón, en especial o autóctono, sufrise un forte declive, pasando de representar un 26% da electricidade xerada no 2007 a tan só un 5´3% da producida no que levamos de 2010.

A perspectiva dun máis que previsible crecemento das fontes de enerxía renovable non fará máis que agravar a situación dunha industria agonizante, a do carbón, que só sobrevive a base das cuantiosas axudas públicas que consegue grazas aos seus apoios políticos. Segundo a mesma Carbunión, a patronal do carbón, só en 2010 necesitaranse uns 500 millóns de euros de diñeiro público para apuntalar o sector.

Ecoloxistas en Acción cre necesario que se acepte a proposta europea de ligar as axudas públicas ao carbón a un plan de peche das minas que debe concluírse en outubro do 2014. Co diñeiro público que se aforraría co cesamento das subvencións aos empresarios do carbón, e cos dereitos de emisión de CO2 que o estado evitaría comprar, deberíase abordar con éxito a necesaria e urxente reconversión laboral dos traballadores do sector.

Noticia relacionada:

Defender as centrais térmicas de carbón é apostar por un futuro negro