vilan_bici.jpgEsta nova iniciativa de Verdegaia pretende apostar por outra forma de viaxar, de coñecer, máis relaxada, ecolóxica e gratificante no que empregaremos un modo de transporte totalmente ecolóxico e eficiente, a bicicleta. O “turismo de alforxas” permitiranos coñecer paseniñamente unha parte importante do litoral norte galego. Entre o 7 e o 10 de agosto do presente ano, adentrarémonos coas nosas bicicletas en espazos naturais únicos, atravesando catro Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA) como son a Ría de Ortigueira e Ladrido, a Costa da Mariña occidental (arredor da ría de Viveiro), a Ría de Foz e Ribadeo. Visitaremos un espazo cualificado de monumento natural e Lugar de Interese Comunitario (LIC) encadrado na Rede Natura como é a praia das Catedrais, e o tramo costeiro de Estaca de Bares, situado a cabalo das rías de Ortigueira e O Barqueiro, dunha sobresaínte beleza paisaxística. Coñeceremos vilas de fonda tradición mariñeira, como O Vicedo ou Burela, o principal porto atuneiro galego. En definitiva, un percorrido de gran atractivo paisaxístico e etnográfico no que tamén poderemos ollar os impactos que o descontrol urbanístico ou grandes empresas como Alcoa poden ter sobre o noso litoral. 

O 7 de agosto sairase as 11 da mañán da Estación do Feve de Ortigueira en dirección a Viveiro, o día 8 sairemos de Viveiro ate Foz, o 9 de Foz a Ribadeo e o 10 de agosto coñecerease pedaleando contorna de Ribadeo.

A bicicleta ofrécenos un xeito de movérmonos, de viaxar, de coñecer máis relaxada, ecolóxica e gratificante empregando un modo de transporte eficiente e respectuoso co medio ambiente que combinado co transporte público colectivo permite achegarnos onde nos apeteza sen a servidume do automóbil. Achegarmonos á praia, facer un roteiro dun día ou dun fin de semana, ou facer viaxes máis longos, só precisa dun mínimo equipamento e de gañas de nos divertír. En Galicia foi o principal transporte privado na primeira metade do século pasado, sendo a Comarca de Ferrol, Vigo ou Monforte de Lemos exemplos do seu uso mesmo ate os anos 70. A irrupción do automóbil rematou por afastala a ámbitos lúdicos e deportivos.

Esta abafante presenza do automóbil privado está a xerar graves problemas ambientais, sociais e sanitarios. Cada periodo vacacional implica un incremento exponencial da mobilidade con atascos xeralizados, aumento do consumo enerxético e contaminación e unha conta dramática de mortos e feridos en accidentes.

O transporte tense convertido nunha das causas principais da crise ecolóxica actual, responsábel do 54% do total do consumo de produtos petrolíferos e emitindo arredor do 20% do CO2 de toda Galiza e o 35 % do óxido nitroso. Un automóbil moderno emite 1 TN de CO2 cada 100 km ademáis doutros contaminantes, contribuíndo de xeito moi importante ao cambio climático.

Esta presión do automóbil estase a afrontar dende as administracións cunha aposta clara pola construcción de maiores infraestruturas (autovías, autoestradas) para resolver os atascos, afondando nas erradas políticas que nos teñen levado a actual situación de crise ecolóxica. Segundo o informe Transport 2000 Plus, elaborado pola UE, temos superado o punto no que calquera incremento de tráfico é contraproducente. A suma de efectos negativos cancela os supostos incrementos de riqueza, eficiencia, confort e facilidade que deberían resultar do mesmo. Asemade, o mesmo informe sinala que a axilización no fluxo do tráfico que supón a construcción dunha nova estrada, autovía ou autopista vese anulada polo incremento do tráfico na mesma. A nova infraestructura viaria convértese nun reclamo para o automóbil privado, saturando con rapidez a súa capacidade , ademais do enorme impacto ambiental e social que supón a súa construcción.

Así mesmo a propia velocidade da viaxe e a lonxitude dos desprazamentos, tentando visitar o maior número de lugares posíbeis no curto espazo de lecer, impide coñecer a realidade do que se está a visitar, fomentando un tipo de turismo “de usar e tirar” totalmente afastado da sustentabilidade.

En definitiva, unha xestión racional e sustentábel da mobilidade pasa ineludibelmente por medidas que diminúan drásticamente o emprego do automóbil, substituíndoo por un servizo de transporte público colectivo eficiente, dotado de vehículos modernos, adaptados a persoas con discapacidades e que permita o transporte de bicicletas, de reducido consumo e con amplitude de horarios (incluídos nocturnos) e frecuencias. A combinación de tren, autobús e transporte marítimo no interior das Rías, xunto coa moblidade que aporta a bicicleta nas cidades, cubriría a meirande parte das necesidades de transporte cuns custos ambientais asumíbeis e uns beneficios sociais e de saúde incuestionábeis.