Verdegaia Vigo coorganizará o vindeiro domingo 25 de xaneiro xunto coa Comisión Viciñal de Afectados pola E.D.A.R. do Lagares e co apoio da Rede de colectivos a Ría Non se Vende o primeiro destes roteiros cunha camiñada-denuncia guiada pola Xunqueira e treito baixo do río Lagares. Sairemos a pé ás 10:00 h. da derradeira ponte que cruza o Lagares a carón do Polideportivo da praia de Samil e remataremos arredor do mediodía no parque de Castrelos.

 

A partires deste mes de xaneiro principia o programa "Vai de roteiros!" cunha camiñada-denuncia pola Xunqueira e treito baixo do río Lagares (Vigo). Este programa abranguerá a totalidade da xeografía galega e de zonas próximas á nosa comunidade perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Deste xeito, Verdegaia coorganizará o vindeiro domingo 25 de xaneiro xunto coa Comisión Viciñal de Afectados pola E.D.A.R. do Lagares, e co apoio da Rede de colectivos a Ría Non se Vende, o primeiro destes roteiros cunha camiñada-denuncia guiada pola Xunqueira e treito baixo do río Lagares. Sairemos a pé ás 10:00 h. da derradeira ponte que cruza o Lagares a carón do Polideportivo da praia de Samil e remataremos arredor do mediodía no parque de Castrelos.

Valores naturais e problemas da Xunqueira e treito baixo do Lagares

Entre os valores naturais que alberga a Xunqueira e treito baixo do Lagares están os bosques de ribeira que están considerados Hábitat de Interese Prioritario segundo a Directiva Hábitats -e que no lugar da Carrasqueira teñen un moi bo exemplo-, as xunqueiras e outros hábitats marismeños entre os que están até catro Hábitats de Interese Comunitario e que só aparecen neste punto do Concello de Vigo, o albergar unha rica comunidade de aves acuáticas que aproveitan esta zona para pasar o inverno ou para realizar os descansos pertinentes nos seus pasos migratorios, ou ser o hábitat de especies que tan só aparecen neste lugar no Concello como a xesta mansa (Osirys alba).

No tocante ás desfeitas que padece este espazo natural salientan a contaminación do río Lagares a consecuencia do enorme número de verquidos líquidos e/ou sólidos que se rexistran neste curso fluvial case que a diario. Tamén destacan as grandes desfeitas que ten padecido o río a consecuencia de limpezas de tanques de gasóleo en fins de semana (en 1997, unha produciu a mortandade de centos de parrulos petroleados), ou de accidentes en empresas como o que ocasionou a gravísima desfeita ambiental ocorrida en setembro de 2008 tralo lume dunha nave no barrio do Gorxal e que rematou coa vida acuática do Lagares.

Outro problema ambiental é o mal funcionamento da E.D.A.R. de Coruxo que, lonxe de atallar o problema de contaminación fluvial, xera un grave problema de saúde pública nos seus arredores producindo fedores, verquidos puntuais de augas sen depurar, entre outros problemas. Ademais, salientan a perda de biodiversidade e a enorme capacidade de especies exóticas e/ou invasoras que aparecen nesta zona.

Dende Verdegaia esiximos a protección deste espazo natural mediante o estrito cumprimento da lexislación vixente. Así mesmo, esiximos que o anteproxecto para a ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais (E.D.A.R.) do Lagares non se leve a cabo, que ademais se desmantele a actual E.D.A.R., para rexenerar o amial que antigamente existía nos terreos actualmente ocupados por esta infraestrutura, e que se rexenere a Xunqueira do Lagares en conxunto.

En canto á modificación do sistema de depuración, esiximos que se realice a separación de augas pluviais, fecais e industriais no Concello de Vigo, que se proxecte unha rede de pequenas depuradoras que se empracen en lugares onde non xeren tantos e tan variados impactos, como se xerarían no emprazamento escollido, depuradoras dotadas da máis moderna tecnoloxía, interconectadas, redundantes e soterradas que permitan depurar as augas pluviais, industriais e fecais correctamente, evitando así os problemas do pasado e do presente, e que nas fases de construción e de funcionamento desta rede de pequenas depuradoras, se prescinda de empregar materiais contaminantes nas obras a realizar, se faga con criterios de sustentabilidade e da forma máis respectuosa coa natureza.

Información sobre o roteiro

O percorrido é de dificultade moi baixa e realizarase coa axuda dun guía que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se vaian observando ao longo da xornada.

O roteiro durará toda a mañá polo que cómpre levar, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuíto para todas e todos.

Existen diferentes liñas de autobús urbano para desprazarse até o punto de partida do roteiro para así non empregar o vehículo privado e non contribuír deste xeito ao avanzo da mudanza climática.

Para máis información: Diego R. Vieites, vicesecretario xeral e responsable da Área de biodiversidade de Verdegaia (670 784 919).