A proposta de Plano galego de Acción fronte ao Cambio Climático (PACC) non impedirá que as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) continúen crecendo nos próximos anos, pois en 2012 serán un 37% superiores ás de 1990, cando no ano 2006 eran un 20,6% máis altas. Trátase dun Plano pouco ambicioso, integrado por medidas politicamente cómodas e polo xeral de escaso alcance, que olla para outro lado perante as centrais térmicas de carbón, malia suporen o 37% das emisións. Verdegaia elaborou o documento "Por unha economía galega baixa en carbono", con propostas para o PACC.
O PACC está nestes momentos en fase de consulta pública, aínda que o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, xa advertiu que só se admitirán "algúns retoques".
A Xunta está a vender fume á opinión pública, pois os 12,25 millóns de toneladas de GEI que se reducirían co PACC son virtuais. É unha redución en comparación co que acontecería se o Plano non se aplicase. O destacable é que, mesmo se o Plano se cumprise, as emisións de GEI aumentarían 16,4 puntos entre 2006 e 2012, a respecto de 1990. O Plano galego é o único presentado até agora por unha comunidade autónoma que non se propón reducir emisións a respecto da situación actual. Resulta hipócrita afirmar que co PACC, un país desenvolvido e con elevadas emisións por habitante como Galicia -mesmo superiores ás emisións medias española e da UE (1)- contribúe solidariamente á solución do quecemento global. Se as emisións galegas diminúen nos próximos anos será principalmente polo decrecemento da economía motivado pola crise, e non pola políticas da Xunta.
Para que Galicia estea á altura das súas responsabilidades na prevención dunha catástrofe climática global que prexudicaría ao noso país pero sobre todo aos países pobres, cómpre un Plano moito máis audaz que inclúa medidas de maior calado. O prioritario é reformular as políticas enerxética e de transporte co obxectivo de reducir a produción eléctrica sucia e de diminuír a demanda enerxética en todos os sectores. Porén, o Plano da Xunta, coordenado pola Consellería de Medio Ambiente, non é máis que unha compilación de medidas en marcha e non corrixe as políticas enerxética e de transporte, evidenciando así a falta de compromiso das Consellerías de Innovación e Industria e mais de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte na loita contra as alteracións climáticas. A produción e o consumo de enerxía representan o 83% das emisións galegas.
Enerxía e transporte sustentables para salvar o clima
Entre as medidas propostas á Xunta por Verdegaia para reducir as emisións no sector enerxético e no transporte destacan a reforma ecolóxica da fiscalidade autonómica, o impulso dun programa de aforro enerxético máis ambicioso e contudente que o actual, que o Goberno galego presione a prol do peche das ineficientes e altamente contaminantes centrais térmicas de carbón, unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plano Galego de Transporte sustentable que restrinxa fortemente o transporte privado e fomente os modos menos contaminantes, a creación dunha empresa pública galega para implantar servizos ferroviarios de proximidade e ampliar a insuficiente rede de camiños de ferro, ou a aprobación dunha Lei de Transporte sustentable.
A propia Xunta, como institución, debería ser a primeira en dar un exemplo firme na loita contra as alteracións climáticas. Por iso, Verdegaia propón o desenvolvemento dun programa para reducir o consumo enerxético nun 1,5% anual nos edificios, equipos e instalacións da Xunta e mais a introdución masiva neles das enerxías renovables, así como un forte impulso da contratación pública verde de bens e servizos. Ademais, Verdegaia reclama o peche da incineradora de SOGAMA -empresa da que a Consellería de Medio Ambiente é accionista maioritario-, xa que é un dos principais focos emisores de CO2 de Galicia (o quinto maior en 2006, despois das centrais térmicas de carbón, da refinería e de Alúmina-Aluminio).
Outras das medidas propostas por Verdegaia son a creación dunha Secretaría Xeral de Loita contra a Mudanza Climática que dependa da Presidencia ou dunha nova Vicepresidencia para a Sustentabilidade, o fortalecemento da educación ambiental, un Plano de Rehabilitación para mellorar a eficiencia enerxética e introducir enerxías renovables que actúe sobre unhas 80.000 vivendas e edificios, unha promoción intensa da produción e o consumo local de produtos de agricultura ecolóxica e labrega, ou un compromiso financeiro forte para axudar aos países pobres a reduciren emisións e a se adaptaren á mudanza climática.
Unha oportunidade perdida
Verdegaia lamenta que o Goberno galego tardase tanto en presentar unha proposta de PACC e a elaborase sen participación pública. O Goberno bipartito vai incumprir a súa promesa de aprobar o PACC nesta lexislatura e, o que é peor, vai desaproveitalo como unha oportunidade para avanzar decididamente cara a unha economía galega baixa en carbono, máis eficiente, solidaria, xeradora de empregos con futuro e respectuosa co medio ambiente galego e global.
Aínda que Verdegaia considera que o conxunto do Plano non está á altura do desafío que representa a mudanza climática, recoñece o importante esforzo que supón o desenvolvemento de dous dos programas incluídos no PACC (o de avaliación e adaptación aos impactos previsibles das alteracións climáticas e o de observación e investigación) e mais do proxecto educativo Climántica.
Nota
1.En 2006, as emisións por habitante de GEI en Galicia foron 12,4 toneladas, fronte ás 9,9 do Estado español e ás 10,4 da UE-27. Descontando das emisións galegas aquelas emisións que, segundo o PACC, se asocian á enerxía exportada (entre 1990 e 2006, como media, o 14,7 % das emisións totais), as emisións galegas por habitante en 2006 terían sido 10,6 toneladas.
Descarga aquí o documento: Por unha economía galega baixa en carbono