Unha das consecuencias da última vaga de incendios en Galiza é a morte e desprazamento forzoso da fauna silvestre. Incrementar a presión sobre esta permitindo a caza tería negativas consecuencias. Verdegaia e Ecologistas en Acción solicitan á Xunta a suspensión efectiva da caza nas zonas queimadas e limítrofes, e, por motivos de seguranza, de toda atividade cinexética mentras exista risco de incendios, así como o control do abandono de cans de caza.

Millares de animais de distintas especies de fauna silvestre, cinexéticas e protexidas, terán sucumbido ás lapas, perante a imposibilidade de fuxida por diversos motivos e situacións. Aínda máis son as que se viron forzadas a se desprazar dos seus hábitats e áreas querenciosas, véndose con iso aumentado o grau de vulnerabilidade ante posibeis situacións de risco. Este desprazamento forzoso e precipitado favorece a concentración en determinados lugares, especialmente das especies máis gregarias, coincidindo nalgúns casos con especies cinexéticas ou cazabeis.

A normativa autonómica galega contempla a posibilidade de prohibir a caza en situacións excepcionais. A Lei 4/1997, de 25 de Xuño, de caza de Galiza, no seu art. 34 estabelece que fica prohibido “Cazar en tempo e lugares en que, como consecuencia de incendios, epizootias, envelenamentos, inundacións, secas ou outras causas, os animais se vexan privados dos seus hábitats e faculdades de defensa normais e obrigados a se concentrar en determinados lugares”.

Por outra banda, o Decreto 105/2006, de 22 de Xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, no seu art. 9, estabelece que “Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terrenos queimados fican prohibidos durante un período de tres anos desde a data do incendio, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, despois do informe favorábel da consellaría competente en materia forestal”

Verdegaia e Ecologistas en Acción achan que a Xunta ten a obriga de garantir a suspensión da caza nas áreas incendiadas e de estender esta suspensión á totalidade da superficie dos terrenos cinexeticamente ordenados (TECORES) que fosen afectados polos incendios nunha parte importante da súa extensión. Pola súa banda, sociedades de cazadores, xestores cinexéticos e propietarios de aproveitamentos cinexéticos, teñen a obriga moral e ética de respeitar esta suspensión e mesmo ir alén, protexendo ás especies cazabeis en colaboración cos axentes de medio ambiente e a guardia civil, frente a posibeis desaprensivos e furtivos sen escrupos que aproveiten a situación para ampliar as súas capturas.

Verdegaia e Ecologistas en Acción solicitarán por escrito a adopción da medida anteriormente mencionada ao Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta. Se non se actúa con responsabilidade por parte dos responsabeis e xestores públicos, as organizacións asinantes denunciarán o caso perante as autoridades comunitarias, por vulneración do Direito comunitario que inspira e marca as directrices da normativa autonómica relativa á caza.

Suspensión de toda actividade cinexética e control do abandono de cans de caza

O pasado 13 de Agosto comezou a tempada de caza en Galiza, en forma de batidas para a previsión de danos á agricultura e gandaría. Todos os anos se rexistran accidentes, mesmo con resultado de morte, relacionados coa caza, especialmente a medida que cobra peso a caza maior. Esta situación pódese ver agravada nestes momentos polo aumento da presenza de persoas que desenvolven labores, organizados ou non, de vixilancia, coidado e/ou recuperación do monte. Por este motivo, Verdegaia e Ecologistas en Acción solicitan á Xunta de Galiza a suspensión de toda actividade cinexética mentres exista risco de incendios e até que diminúa a actual presenza humana no monte fruto da tensión e mobilización social dos últimos días.

Por outra banda, Verdegaia e Ecologistas en Acción alertan da posibilidade de que, de levar a cabo a Xunta estas limitacións ás actividades cinexéticas, se disparen os abandonos de cans de caza, polo que as dúas organizacións ecoloxistas solicitan á Consellaría de Medio Ambiente que reforce o control sobre estes abandonos.