Fai varios días un grupo de cinco voluntarios de Verdegaia realizaron unha prospección nocturna de anfibios no L.I.C. das Ribeiras do Louro. Esta actividade forma parte do programa SARE (Seguemento de Anfibios e Réptiles de España) que dende Verdegaia vimos realizando periodicamente dende febreiro de 2009 en colaboración coa AHE (Asociación Herpetolóxica Española).
O SARE é un programa de voluntariado, coordenado pola AHE, que pretende determinar a evolución das poboacións de anfibios e réptiles mediante o seu seguemento a longo prazo. Nesta ocasión puidemos observar 71 anfibios de seis especies diferentes (rá verde, sapiño pinto, sapo común, píntega, limpafontes verde e limpafontes palmado) ademais de centos de estrozas que, aínda que non puidemos ver, si puidemos escoitar cantando. Para todos os que queirades participar nesta actividade ou para ter máis información podedes mandar un correo a josancres@hotmail.com ou chamar ó número 678 986 676 (Jose).
Tanto esta como outras actividades desenvolvidas por Verdegaia dentro deste L.I.C. forman parte da “Campaña para a conservación da Rede Natura 2000 en Galicia” de Verdegaia que consiste en que un Núcleo comarcal, neste caso o de Vigo, ou un representante local da asociación “apadriñe” un espazo natural galego incluído na R.N. 2000.
Posteriormente: 1) Realizarse un seguemento continuado do espazo escollido para denunciar e divulgar posibles agresións ambientais. 2) Organizarase unha actividade libre ó ano no mesmo. 3) Presentarase unha pequena memoria anual sobre o traballo desenvolvido.
Participar nesta campaña non require coñecementos técnicos algúns xa que se conta co asesoramento do responsable da Área de Biodiversidade de Verdegaia; tan só é preciso ter gañas de desenvolver actividades no medio natural. Actualmente, a campaña estase a desenvolver nos Núcleos comarcais de Verdegaia-Pontevedra que ten “apadriñado” o L.I.C. Serra do Cando e Verdegaia-Vigo que ten “apadriñado” o L.I.C. Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro.