Representantes de Verdegaia, ADEGA, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) reunímonos onte en Santiago para falar con Cristina Narbona, ministra de Medio Ambiente, sobre a problemática dos incendios forestais na nosa terra.

A reunión produciuse a iniciativa de Cristina Narbona e contou tamén coa presenza de Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente. A ministra de Medio Ambiente referiuse ás actuacións do seu Ministerio en materia de incendios, como a reforma da Lei de Montes, o apoio con medios de extinción ás Comunidades Autónomas ou a educación ambiental no medio rural, coa participación de labregos e labregas. Asemade, destacou dúas iniciativas lexislativas do Goberno central que, na súa opinión, contribuirán á solución do problema dos lumes, os proxectos de lei de Biodiversidade e de Desenvolvemento Rural.

Verdegaia salientou a necesidade de promover novas políticas (de montes, de ordenamento do territorio,…) que reduzan o risco de incendios e de atinxir un amplo pacto social (e non só político partidario) en defensa dos montes e contra os lumes. Tamén demandou do Goberno central o reforzamento dos medios do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil e das Fiscalías de Medio Ambiente e maior apoio para o aproveitamento enerxético da biomasa (puntualizando que se debe facer de forma sustentábel, para evitar afeccións sobre o solo e a biodiversidade). Finalmente, indicamos que as emisións de CO2 emitidas polos incendios e a conseguinte perda de efecto sumidoiro deberían ser tidas en conta no Plano de Asignación de Dereitos de Emisión.

Verdegaia coincidiu con FEG, Greenpeace e SGHN en que, polo que sabemos até agora, a vaga de lumes que estamos a vivir non é moi diferente doutras sofridas no pasado, e que non é rigoroso falar de tramas organizadas. O que semella que se está a dar é, unha vez máis, a conxunción de circunstancias meteorolóxicas favorábeis coa coincidencia, no espazo e no tempo, de moitas persoas que, por múltiples e diversos motivos, queiman os montes.

O representante de Greenpeace levou á reunión un dossier de prensa no que se pode comprobar como moitos dos argumentos utilizados agora desde o Goberno bipartito e o seu entorno xa foron utilizados anteriormente polos Gobernos do PP. Por exemplo, en maio de 1995, o daquela conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, queixábase da ocorrencia de 1.040 lumes en 4 días e amosábase convencido de que había “terrorismo incendiario”. O daquela deputado e hoxe conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, pedíalle ao conselleiro de entón “que sexa prudente á hora de saír para falar”.

Actuacións de restauración ambiental

Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, anunciou actuacións de restauración ambiental para minimizar os efectos ecolóxicos negativos dos lumes. Preguntado por Verdegaia sobre o alcance das actuacións (orzamento, superficie de actuación) respondeu que aínda o descoñecían. Tamén como resposta a unha pregunta de Verdegaia, o conselleiro referiuse ás hectáreas queimadas en zonas da Rede Natura 2000, aclarando que se estaban a cuantificar, mais que se podía adiantar que había unhas 650 hectáreas ardidas en Ourense e algúns espazos afectados (Carnota-Pindo, Ulla-Deza,…) nas provincias de Coruña e Pontevedra. No Parque Natural de Corrubedo queimáronse 4 hectáreas.

Consellería do Medio Rural

Á reunión tamén asistiu Alberte Souto, secretario xeral da Consellería do Medio Rural, quen só quixo intervir cando un representante da FEG lembrou que o conselleiro do Medio Rural incumpriu a súa promesa de convocar unha reunión do Consello Forestal na primavera pasada. Despois da reunión, Verdegaia trasladou ao secretario xeral de Medio Rural a súa demanda de que o Consello Forestal, órgano consultivo para a participación social, se reúna en setembro.

Tanto Verdegaia como Greenpeace e o Comité de Defensa do Monte Galego teñen denunciado publicamente a falta de participación social na política autonómica de montes.