Verdegaia apoia a mobilización e o manifesto da Plataforma en Defensa do Servizo público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, que reclama unha nova política de prevención de incendios forestais e un servizo público e profesional que traballe todo o ano, así como a contratación centralizada única do persoal da Xunta.
Animamos a todas as persoas a que acudan a esta manifestación. A continuación reproducimos o manifesto da citada plataforma.
POR UNHA POLÍTICA FORESTAL SOSTIBLE.
SERVIZO PÚBLICO, ÚNICO E PROFESIONAL.
NON MÁIS LUMES!
A Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais agrupa ás principais organizacións sindicais e comités de empresa dos diferentes medios tanto públicos como privados que traballan nas tarefas de extinción en Galicia, así como a colectivos profesionais, ecoloxistas e de montes en man común. Condenamos as actitudes dos incendiarios e decidimos unificar a nosa voz para denunciar tanto a fragmentación do servizo propio da Xunta de Galicia como a privatización dunha parte deste. Este é un dispositivo indispensable para este país e esta situación non só representa un problema laboral, senón que afecta directamente ao conxunto da sociedade galega.
A realidade ven a demostrar que a liña de actuación do Goberno galego fracasa na xestión forestal, fracasa na ordenación do territorio e no medio rural e fracasa na planificación da prevención e da extinción. Unha postura que lonxe de xerar cultura para evitar os incendios forestais crea un problema social. Despois de máis de corenta anos de lumes e de queimar unha superficie parella a todo o territorio aínda non fomos quén de atopar unha solución axeitada.
A inexistencia dunha planificación das tarefas de prevención en todo o territorio e previa ao verán, especialmente nas zonas de máis alto risco ou alto valor ecolóxico ou paisaxístico, (facer desbrozar ás brigadas de extinción en agosto non é prevención, é un burdo paripé mediático), así como a falta dunha política forestal que entenda o monte como algo máis que un subministrador de madeira barata para triturar ou queimar, fomentando especies especialmente pirófitas constitúe outro erro fatal que paga ano tras ano o noso monte. Só unha ordenación do territorio que entenda o medio rural como fonte de riqueza, de emprego e de sostenibilidade será o primeiro paso para rematar coa mesma historia de todos os anos. Exemplos de todo isto atopamolos nos recentes incendios do monte Pindo, os montes de Oia, Cualedro, ou en anos anteriores as Fragas do Eume e todo o macizo central de Ourense, entre outros moitos lugares.
O despedazamento e “subasta” do servizo de prevención e extinción, en máis de dez entes distintos, co agravante de privatizar parte deste e promover así a “economía do lume” con empresas privadas, provocou este ano importantes problemas de desorganización e descoordinación que incidiron no tempo de extinción, na extensión e na duración dos incendios. O actual goberno decidiu sacudirse a súa responsabilidade coa contratación de gran parte do dispositivo a través das brigadas municipais. A falta de experiencia, formación e descoordinación converteron este sistema en inviable, o cal xa fora diagnosticado tras a vaga de lumes do ano 2006.
Todas e todos os galegos debemos esixir a fin dunha situación que a incapacidade política non sabe ou non quere resolver, e reclamar o consenso político necesario para levalo a cabo, sen empregar os incendios para desgastar politicamente cando interesa. O cambio necesario abrangue máis tempo que o mandato de calquer presidente da Xunta, por iso, chamamos ao conxunto da sociedade galega, e ás súas organizacións, a participar nunha manifestación que reclame dunha vez ese cambio político necesario, e que estea fundamentado nos seguintes puntos básicos:
1º.- Un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción, que a maiores de apagar os lumes realice a prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico, contratado e xestionado única e directamente pola Xunta de Galicia.
2º.- Unha ordenación do territorio, evitando o despoboamento do rural, favorecendo o acceso aos servizos básicos, evitando a forestación das terras agrícolas, e convertendo o mesmo nunha fonte de emprego e riqueza. Só cando a xestión sustentable do monte e do rural sexa unha posibilidade de traballo real para moitos e moitas, será cando a poboación no seu conxunto defenda dos lumes.
3º.- Unha política forestal de verdade, que evite as especies pirófitas, que aproveite a súa diversidade de producción e non só madeireira, con alternativas sustentables e que respeten o noso modo de vida tradicional. Hai que potenciar o papel das Comunidades de Montes e a concentración na xestión forestal, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo.
4º.- Fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores ambientais, paisaxísticos e naturais, entendendo que os mesmos son un ben de todos e todas e que non podemos perder.
5º.- Creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados (propietarios, empresas, traballadores do sector, ecoloxistas, etc.) e con participación de todos os partidos políticos que sente as bases dun cambio de modelo máis que necesario xa, imprescindible.
CONCENTRACIÓN DIANTE DA SECRETARÍA XERAL DO SPDCIF EN SAN LAZARO – SANTIAGO DE COMPOSTELA – DIA 24 AS 11:30
MANIFESTACIÓN DOMINGO 29 DE SETEMBRO – SANTIAGO DE COMPOSTELA – SAÍDA DA ESTACIÓN DO TREN ÁS 12 HORAS