Fábrica da Ferroatlántica na ría de Corcubión

A asociación ecoloxista Verdegaia vén de recibir con satisfación a comunicación do auto no que o xulgado de instrución nº 3 de Compostela dá luz verde ás dilixencias previas do expediente relacionado coa vertedura das escouras canceríxenas no lugar da Brea en Carballo. O refugallo producido pola Ferroatlántica en Cee foise arrombando durante máis de sete meses por Desguaces Lema S.L. nunha antiga canteira con lagoas.

Delito ecolóxico no rural, prevaricación nos despachos da Xunta

O xuiz admite a existencia de indicios claros de prevaricación por parte de Joaquín Buergo del Río, deunciado pola viziñanza da Brea por un irregular informe que no 2008 posibilitara o sobresemento da causa por delito ecolóxico que se atendía nos xulgados de Carballo. O auto recolle a "falta de realidade" da información fornecida por Joaquín Lucas Buergo del Rio "ao trasladar noticias que non só, non se corresponden, senón que mesmo se contradín e ocultan os datos dos que dispuña … silenciando o incumprimento de resolucións da administración ou obstaculizando, ao tempo, a actuación da devandita administración…" (páx. 2 do auto).

O auto asume tamén os indicios de delito ecolóxico e abre por tanto dilixencias para a súa investigación, incorporando tanto as achegas pola parte denunciante como as do fiscal do ambiente, Álvaro García Ortiz, diante do que comparecera Verdegaia denunciando o caso e apresentando un detallado informe con indagacións e probas, no mes de decembro pasado.

Adverte o xuiz que a responsabilidade penal neste presunto delito ecolóxico "cabe extendela, non só aos causantes ou titulares da fonte de contaminación, senón mesmo aos administradores públicos…" (páx. 4 do auto).

Pirateo de resíduos: desde as bateas ás leiras, e os tóxicos aínda alí

Lembremos que despois dun grave epsiodio de contaminación do marisco na ría de Corcubión -detectado no ano 2004- que impediu durante varios anos a extracción de moluscos, a industria produtora de ferroaliaxes e carburos metálicos -propiedade de Miguel Villar Mir- encamiña máis de 20.000 tm (poderían ter chegado ás 50.000 tm) das escouras tóxicas á vella canteira de seixo da Brea. A operación faise a medio da empresa Desguaces Lema S.L., que nunha actuación chea de irregularidades recollidas en expedientes da Xunta, o Seprona, Augas de Galiza e o concello de Carballo; amorea o contido de perto de dous mil camións de grande tonelaxe no monte e as lagoas da mina. É o escuro episodio dun suposto xestor de residuos que fixo o traballo suxo con total desprezo á lei.

A operación faise misturando e tapando as escouras con terra e pedregullo, enchendo as fochas de auga e encanando a enxurrada verdexada ao río de Rosende (afluente do Anllóns), e mesmo ás leiras e explotacións agrogandeiras da contorna. Medra a preocupación social e o incertidume polas afeccións que pudesen acontecer nos mananciais da contorna, as dúas psicifactorías de troita do concello, a flora e fauna silvestre, o gando e -máis grave aínda- a saúde das persoas do lugar.

A actuación de Buergo del Río non só levou ao arquivo da denuncia por delito ecolóxico senón que paralizou os expedientes administrativos encamiñados á sanción e á restitución do medio natural. Non se chegaron a executar ordes de extracción das materias contaminantes para a súa xestión nunha planta de tratamento axeitada. As escouras fican aínda alí, no monte, a carón das casas, ceibando grandes cantidades de manganés que deteriora a calidade das augas para a súa potabilización e posibilita a aparición de fitotoxicidades.

Máis grave aínda é o alto contido neste refugallo dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAP) de recoñecido poder canceríxeno, xenotóxico e mutaxénico alén de prexudiciais para o noso sistema imunolóxico (segundo recollen oficialmente disposicións autonómicas, estatais e europeas). Os HAP transpórtanse facilmente nos cursos de auga e acumúlanse nos vexetais de folla ancha e nas graxas dos herbívoros, peixes e moluscos, para finalmente afectar tamén os seres humanos.

Disposicións resolutivas e solidamente fundadas

O auto dispón a inclusión no expediente dos documentos e probas solicitadas polo fiscal do ambiente, dos que destacamos, alén do relatorio de Verdegaia, o informe fotográfico que con motivo de movimentos de terra acontecidos na canteira da Brea en marzo deste ano, levou a viciñanza de Carballo a alertar o fiscal e máis o Seprona. O Seprona mobilizou de contado un helicoptero para rexistar as manobras de ocultación de escouras que estaba a realizar Desguaces Lema S.L. Afortunadamente, tivérase a precaución de realizar unha completa reportaxe xa no mes de febreiro, que en contraste coas imaxes do operativo de marzo por terra e ar, constitúen unha clara proba das intencións de destruir as evidencias do amoreamento ilegal.

Tamén se dispón como procedente, a petición do fiscal de praticar unha proba pericial por persoal especializado, para determinar a medio das correspondentes sondaxes e análises científicas, a presenza das escouras, a súa caracterización e os riscos ambientais do depositado na canteira. Finalmente reiterase a proibición expresa a José Antonio Lema para realizar actuacións materiais no predio, advertindo contra comportamentos obstrucionistas (páxs. 7 e 8 do auto).

Encamíñase agora unha instrución, que Verdegaia entende solidamente fundamentada no auto que se vén de publicar, e que ha determinar a imputación penal dos actores e as súas responsabilidades, mais tamén a limpeza e a restitución do medio natural para recuperamos en Carballo unha contorna saudábel para a vida.

 

 pdf Auto Xulgado Nº3 de Compostela Apertura Dilixencias Prevaricación Buergo del Río

 pdf Informe Verdegaia sobre a vertedura das escouras da Ferroatlántica na Brea – Dec 2009