autos_locos_foto.jpgDe novo dende Verdegaia temos unha cita para comparar pola vía da experimentación a efectividade dos diferentes medios de transporte na cidade de Vigo. Por cuarto ano consecutivo organizamos un roteiro urbano para diferentes medios de transporte, partindo do criterio de que sexa un percorrido realista e representativo dos quefaceres cotiáns da xente. A idea é valorar aos diferentes medios por aspectos como a súa sustentabilidade ambiental, pero tamén pola súa rapidez e os seus custos. Trataremos deste xeito de desmontar certos prexuizos e ideas falsas que existen sobre a mobilidade e as bondades do coche, o vehículo a motor que domina e configura actualmente as nosas vilas. Para facelo remitirémonos ás probas, escollendo un día e hora típicos na mobilidade urbana de Vigo.

Non estamos a falar dunha carreira, trátase dunha comparativa, polo tanto a lóxica non é apurar a velocidade. Os percorridos deben realizarse cunha velocidade normal e os requisitos son o respecto ás normas de tráfico e o cumplimento das paradas acordadas. Estas paradas inclúen ámbitos habituais na vida cotián dunha vila: un mercado, edificios administrativos e un ambulatorio. As persoas participantes deberán simular a entrada nos espazos marcados, polo que para os vehículos particulares será preciso incluir o tempo empregado na busca de estacionamento. Ademais dos tempos, tomaremos en conta a quilometraxe e os custos estimados para calcular tamén a eficiencia enerxética e económica dos diferentes medios de transporte.

 

O percorrido desta IV comparativa será o seguinte: 

 

• Saída dende a rúa Florida, en concreto da zona das pistas de petanca.

• Primeira parada, no mercado das Travesas.

• Segunda parada, no edificio principal da Xunta, en Montero Ríos.

• Terceira parada, no ambulatorio do Casco Vello, na praza da Constitución.

• Cuarta parada e final, no Concello.

 

Os medios de transporte escollidos son o autobús, a moto, o coche, a bicicleta e o taxi. Realizarase tamén o traxecto a pé. A convocatoria é para este mércores día 9, ás 19:15h, a carón das pistas de petanca situadas  entre o camiño de Figueirido e a rúa Florida, próximas ao parque da Bouza. 

Animamos aos medios de comunicación e a toda persoa que queira interesarse por esta acción a que se acheguen para obter máis información ou incluso para participar na comparativa. Os datos obtidos farémolos públicos no contexto da Semana Europea da Mobilidade, alá polo mes de setembro.