Desde a Asociación Ecoloxista VERDEGAIA, facemos un chamamento á cidadanía galega a participar na “MARCHA CONTRA CELULOSAS” organizada pola Asociación pola defensa da ría de Pontevedra, o vindeiro sábado 2 de xuño.
Verdegaia apoia e, ve necesario mobilizarse contra a posibilidade de que complexo Ence e Elnosa force unha nova prórroga da concesión, que podería chegar a ser de 30 anos máis e viría da man dunha modificación da Lei de Costas, que o actual goberno do Estado está a estudar, o que posibilitaría a súa continuidade máis alá do 2018 desbotando calquer posibilidade de saneamento e recuperación da Ría cun desenvolvemento económico sustentábel para a comarca.
Queremos lembrar que a Xunta concedeulle a ENCE o AAI (Autorización Ambiental Integrada) sen o preceptivo informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra argumentando que era innecesario e lembramos que posteriormente, ante un recurso presentado pola APDR, unha sentenza do Tribunal Supremo, anulou na súa totalidade o acordo que permitía a ENCE eludir o control urbanístico por parte do Concello e declara a NULIDADE de todas aquelas decisións adoptadas en función da súa aplicación. Nesta sentenza sublíñase que o decreto de supramunicipalidade da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2003 debe ser anulado. Neste sentido, desde Verdegaia, sumámonos a esixencia da APDR pedindo a paralización do proceso de renovación da AAI a ENCE e solicitando que se inicie de novo a súa tramitación.
Pensamos que a mobilización social é hoxe máis necesaria que nunca e por iso desde a nosa Asociación sumamónos á marcha do próximo sábado en defensa da ría de Pontevedra, dos recursos marisqueiros, pesqueiros e foresteais. En defensa, en definitiva, do País e do noso xeito de vida. Debemos convencernos de que hai que botar abaixo, dunha vez por todas, actuacións tan destructivas como estas que atentan gravemente contra os indiscutíbeis valores naturais, productivos, culturais e paisaxísticos do País e que conlevan a privatización da costa galega ao servicio da empresa privada sen reparar no prexuízo xerado á súa riqueza ecolóxica, á cidadanía e ao entorno.
O sábado 2 de xuño, todas e todos temos que estar en Pontevedra reclamando un novo modelo de litoral cuxo eixo central sexa o respeto ao medio mariño e terrestre e berrando ben alto que ENCE E ELNOSA NON SON A SOLUCIÓN Á CRISE… SON PARTE DO PROBLEMA!