O Concello de Ferrol aprobou por unanimidade onte, 9 de Xuño, a moción de compra pública responsábel apresentada por Amarante e Verdegaia. A mesma moción xa fora aprobada en Ribadeo e Boiro. Ferrol é a primeira das grandes cidades galegas en asumir esta proposta levada aos principais municipios de Galiza nunha campaña conxunta da asociación ecopacifista Verdegaia e a asociación de solidariedade Amarante.

O Pleno do Concello de Ferrol celebrado no serán de 9 de Xuño, aprobou co voto favorábel de todos os grupos municipais a moción de compra pública responsábel apresentada polas asociacións Amarante e Verdegaia no contexto dunha campaña conxunta destas dúas entidades de ámbito galego iniciada en Maio de 2009. Ferrol convértese así na primeira grande cidade galega que se compromete coa compra pública responsábel, aínda que non é o primeiro Concello galego en o facer, Ribadeo (Outubro de 2009) e Boiro (Xaneiro de 2010) tamén aprobaron a moción.

Entre o 16 e o 18% do PIB da UE é gasto público, un uso do diñeiro da cidadanía que debe ser ben administrado e que non é social e ambientalmente neutral. A compra pública pode ser unha ferramenta de transformación social mui importante. A compra pública responsábel supón mercar e contratar só o necesario e facelo ademais seguindo criterios éticos, sociais e ambientais: respeito das convencións da OIT, os direitos humanos e laborais e os principios do comercio xusto, priorización da economía social e procura da máxima sustentabilidade ambiental.

Deste modo, as Administracións Públicas poden virar unha importante fonte de xeradora de sustentabilidade ambiental, xustiza social e desenvolvimento local. Ao aprobar esta moción, o Concello de Ferrol comprométese a integrar os principios da Compra Pública Responsábel nas súas compras e contratacións e, para isto, formar ao persoal administrativo encarregado destes labores e participar na futura Rede Galega de Compra Pública Responsábel.