Entre 1990 e 2008 as emisións galegas de gases de invernadoiro aumentaron o 6,2%. Porén, se toda a electricidade xerada con carbón durante 2008 se tivese aforrado ou producido a partir de renovables, as emisións totais de gases de invernadoiro terían diminuído un 20% en 2008 a respecto de 1990. Mesmo se se tivese substituído pola produción sucia dos ciclos combinados terían baixado un 12,4%. Deixar de queimar carbón nas ineficientes centrais de Meirama e As Pontes sería a medida máis eficaz para que Galicia comezase a reducir drasticamente as súas altas emisións de gases causantes do cambio climático, polo que Verdegaia rexeita as iniciativas en defensa das posibilidades de produción destas centrais.
As centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (GAS NATURAL FENOSA) emitiron 7.338.157 toneladas (t) de dióxido de carbono (CO2) durante 2008, o que representou case o 25% das emisións totais galegas dese ano (o último para o que se dispón de datos oficiais). Se os 8.188 GWh de electricidade que xeraron tivesen sido substituídos por medidas de aforro e/ou pola achega de renovables, as emisións en 2008 terían baixado de 29.735.020 a 22.396.863 t, o que tería representado un descenso do 20% a respecto de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto, no que se emitiron 27.995.000 t.
Dado que as centrais térmicas de carbón son moito máis intensivas en emisións de CO2 -o principal gas de invernadoiro- que os ciclos combinados a gas natural, no suposto de que os situados en Sabón e As Pontes tivesen substituído toda a xeración a partir de carbón obtida en 2008, e a pesar de seren tamén centrais sucias, as emisións terían diminuído de 29.735.020 a 24.525.743 t, o que tería significado unha redución do 12,4% das emisións de Galicia en comparación con 1990.
Verdegaia rexeita a pretensión do Goberno Zapatero de primar as centrais térmicas que usan carbón español, mais non por se tratar dunha discriminación para aquelas que, como as galegas, queiman carbón de importación, senón por representar un apoio ao combustible fósil máis contaminante. Criticamos pois todas as iniciativas institucionais, partidarias e sindicais destinadas a defender a produción das térmicas de carbón galegas, especialmente cando recorren a supostos argumentos ambientalistas. Se ben é certo que as centrais galegas –cando menos se non temos en conta as emisións asociadas ao transporte do carbón- emiten menos CO2, en relación coa electricidade obtida que case todas as centrais térmicas españolas que queiman carbón autóctono, esa diferenza adoita ser inferior ao 10%. O realmente importante é que as centrais de carbón son, con moita diferenza, as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de CO2, tanto ten se o carbón é importado ou español.
Pechar as térmicas é posible
Galicia estaría hoxe en boas condicións para pechar as grandes fábricas de cambio climático que son as centrais térmicas de carbón sen pór en perigo o seu abastecemento de electricidade. A súa achega podería ser compensada anulando o saldo exportador e promovendo máis o aforro e as renovables, é dicir, incluso sen recorrer a unha posible maior utilización dos ciclos combinados a gas natural en funcionamento desde 2008. Durante 2009 a produción das térmicas de carbón ascendeu a 7.433 GWh, exportándose no mesmo ano 6.760 GWh do total da produción eléctrica galega a Portugal e ao resto do Estado español.
Menos emisións e aforro de enerxía primaria
Nestes momentos, non hai medida viable de grande impacto na redución das emisións de CO2 menos custosa para o conxunto da sociedade galega que abandonar o carbón. Por iso, Verdegaia denuncia o carácter profundamente antiecolóxico das accións en defensa das posibilidades de produción das térmicas de carbón de Meirama e As Pontes. O abandono do carbón sería a acción individual máis importante a favor da sustentabilidade en Galicia, traducíndose nunha considerable redución da nosa insustentable e insolidaria pegada ecolóxica global (sobre todo polo descenso de emisións de CO2), nun aumento significativo da eficiencia enerxética (as térmicas, responsables dun 15% do consumo de enerxía primaria en Galicia, consomen en forma de carbón perto de tres veces máis enerxía da que obteñen en forma de electricidade) ou na mellora sustancial da calidade do aire (prexudicada polas emisións de contaminantes diferentes do CO2 con efectos a escala local).
Máis información sobre os impactos das térmicas de carbón galegas no informe “Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático”