O sábado 10 de maio Verdegaia celebrará un novo mercadiño de troco, desta volta na asociación de veciños Ponte Canedo, no barrio da Ponte. 

O mercadiño de troco é unha forma de darlle unha segunda vida a obxectos que xa non usamos e que podemos trocar por outra cousa que evitamos comprar. Ó mesmo tempo podemos darnos de conta de cantas cousas mercamos moitas veces e non precisamos realmente. 

O troco é moi simple: soamente hai que trocar con alguén unha cousa que xa non se usa por outra que se precisa. 

Non soamente evita xerar un residuo por partida dobre (o que xa tiñamos e o que iamos comprar), senón que é unha forma máis xusta socialmente de que todo o mundo poida ter algo que precisa, xa que no troco non existe o diñeiro nin o valor material, senón un valor diferente que é a necesidade real de algo. 

Animamos a todo o mundo a que se achegue o sábado 10 de maio a partir das 11:30 e ata as 13:30 á asociación de veciños Ponte Canedo, que está situada detrás da praza de abastos do barrio da Ponte.