hormigon.jpgO Parlamento Europeo acaba de dar un severo tirón de orellas ao modelo urbanístico español. Ecologistas en Acción denunciou insistentemente o crecemento urbanístico dos últimos tempos, salientando que este foi un proceso especulativo de esferas empresariais e políticas que supuxo un encarecemento artificial da vivenda e a perda de zonas de alto valor ambiental.

O informe do Parlamento europeo vén dar a razón ás teses defendidas por Verdegaia, Ecologistas en Acción e outras organizacións ecoloxistas e plataformas cidadás de todo o Estado español, como Galiza non se vende, ao considerar insustentable un modelo que xera  indiscutibles impactos ambientais, destruíndo paisaxes, aumentando as presións sobre recursos como a auga, xerando fragmentación dos espazos naturais, provocando novos focos de vertidos e contaminación, etc.

Dos 4 millóns de novas edificacións construídas en Europa nos últimos 10 anos, a metade erguéronse en solo español. Na UE, cun incremento da poboación do 3,5%, o crecemento da superficie urbanizada foi do 13,8%, no Estado español, cun crecemento da poboación do 4,3%, o aumento da superficie urbanizada chegou até o 25,4%, case o dobre do crecemento europeo. Nunca na historia europea se realizou un uso tan extremo e devastador do territorio. O constante auxe inmobiliario español favoreceu que o urbanismo perda a súa finalidade social, subordinada ao interese xeral, para se converter nun negocio. Deixou de ser una ferramenta de regulación do uso do solo de acordo coas necesidades colectivas, para se converter na chave do financiamento municipal, nuns casos, e do enriquecemento rápido e ilícito noutros.

Alén diso, este modelo vai da man da construción de novas infraestruturas de transporte que serán necesarias para acceder a estes novos desenvolvementos, que non fan senón aprofundar nun modelo de mobilidade tamén insustentable, sendo xa España o estado da UE cun maior número de quilómetros de autovía por habitante.

A confederación Ecologistas en Acción critica a posición da maioría dos europarlamentarios españois, que coa súa actitude viraron as costas ao medio ambiente e á cidadanía.  Este tirón de orellas debería servir ás administracións españolas para reformularen cal debe ser o camiño cara á sustentabilidade. Até agora, as receitas do goberno estatal  e dos concellos foi, porén, axudas públicas para máis tixolo, reforma encoberta da Lei de Costas para legalizar as edificacións ilegais, flexibilización das avaliacións de impacto ambiental, etc. Ecologistas en Acción esixe unha mudanza radical nestas políticas.

Máis información:

Rede Galiza non se Vende

Área de urbanismo de Ecologistas en Acción