A Comisión Europea emitiu un duro ditame sobre o Plano de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2 presentado polo Goberno español en Bruxelas. O ditame amosa desconfianza perante as medidas propostas para o transporte e critica o exceso de asignación ás centrais eléctricas de carbón. Algunhas das críticas formuladas por organizacións ecoloxistas como Verdegaia e Ecologistas en Acción foron consideradas.
Literalmente, a Decisión da Comisión di: “.. O Comité [de Cambio Climático] expresou a súa preocupación porque España depende en grande medida para reducir emisións de gases de efecto invernadoiro de medidas nos sectores que non participan no comercio de emisións, e urxiu á Comisión a examinar con detalle a sustanciación desas medidas.” Máis adiante conclúe que “… o uso que España pretende facer doutras políticas e medidas en sectores non cobertos pola Directiva [de comercio de emisións] está insuficientemente detallado.”
Concretamente, refírese ao caso do transporte e ás expectativas de consumo de biofuel para reducir as emisións dos vehículos entre 2008 e 2012. España non cumpriu en 2005 o seu obxectivo de que o 2% do carburante fose biofuel (ficou en 0,44%) e tampouco se achegou na documentación unha cuantificación explícita da redución de emisións que se espera obter con esta medida. Mesmo indican que non está garantido que, se se puidese atinxir a produción necesaria, se utilizaría dentro de España. Por outra banda, aínda que a Comisión non o indique, a produción de biofuel está creando graves problemas ambientais e sociais nas zonas de Sudamérica de onde procede a maior parte da materia prima.
Outra corrección especialmente importante é a que se refire a limitar a compensación de emisións das industrias, especialmente as eléctricas, coa adquisición de dereitos fóra da UE. As principais organizacións ecoloxistas criticaron que o sector eléctrico puidese cumprir coa lei conseguindo fóra até un 70% máis dos “bonos de emisión” que xa se lle dan gratuitamente. Isto supoñía que evitarían diminuír emisións de até 38 millóns de toneladas anuais e outras 14,7 o resto de industrias, máis case 58 que obterá o Goberno. A Comisión limitounas a 30 millóns de toneladas anuais para todos os participantes no comercio de emisións. A porcentaxe proposta polo Goberno español -do 70% para o sector eléctrico e dun 20% para o resto dos sectores-, queda nun máximo do 20% sobre a asignación total aos sectores.
A Decisión da Comisión, alén de diminuír a cantidade total de dereitos de emisión en 0,42 millóns de toneladas, incidiu tamén noutras cuestións, como o exceso de asignación ás centrais eléctricas de carbón e o atraso na asignación por instalacións. A produción eléctrica con carbón é a que máis contribúe ao cambio climático.
Alegacións ecoloxistas á Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa
Ecologistas en Acción, Greenpeace e WWF/Adena veñen de presentar alegacións ao borrador da Estratexia Española de Cambio Climático. Aínda que estas organizacións ecoloxistas consideran necesaria a elaboración dunha estratexia que recolla globalmente as actuacións que o Goberno se compromete a realizar para combater o cambio climático, o borrador da nova Estratexia carece de planificación e programación e as liñas de actuación non conducen á consecución dun obxectivo acorde co imperativo do cambio climático.
Máis información:
28 organizacións piden á Comisión Europea que non dea o seu apoio ao PNA 2008-2012