Ecologistas en Acción lembra que unha economía baseada no crecemento, o crédito e a competitividade nunca poderá ser sostible nin igualitaria, e esixe un cambio radical do sistema económico.

O cume do G-20 -que consideramos totalmente ilexítimo por excluír máis de 170 países- foi un intento desesperado do poder político internacional de regular a economía financeira especulativa, que levou ao abismo a economía do mercado e probou a incapacidade de auto-regulación, para manter o sistema capitalista. Aínda que o G-20 non o recoñeza, demóstrase que o movemento antiglobalización tivo razón coas súas advertencias dos perigos asociados á especulación financeira e a desregulación salvaxe. O G20 asumiu -de forma parcial e claramente insuficiente, pero cos principais centro do poder na mesa- os nosos reclamos de pechar os paraísos fiscais, así como de regular a "banca na sombra" e os fundos de alto risco, entre outras. No entanto lamentamos que medidas urxentes a curto prazo, como prohibir a especulación coas materias primas e os alimentos, non foron adoptadas.

Ecologistas en Acción fai unha valoración moi negativa da declaración do G-20 en Londres, porque non procura solucións aos problemas reais que afectan á sociedade global, como o fame, o cambio climático, as guerras e o esgotamento dos recursos naturais, entre eles o petróleo. En cambio segue socializando as perdas do capital privado, inxectando diñeiro público no sistema financeiro e produtivo capitalista, garantindo o beneficio privado e convertendo o interese comercial en "interese público". Non menciona nin unha só vez as palabras "dereitos humanos" e "paz", mentres se decide o aumento das tropas para a guerra en Afganistán -que a diario cobra vítima civís- e increméntanse os gastos militares en detrimento dos dereitos sociais.

A pesar que o G-20 diga que vai "solucionar" a crise económica global, restablecendo a confianza dos mercados e tomando todas os esforzos fiscais para restaurar o crecemento, non haberá solucións reais se non hai cambios radicais no sistema económico. Este é ecolóxica e socialmente insustentable porque non só hai límites físicos nos recursos senón tamén nos sumidoiros. Polo tanto a retórica hipócrita dun capitalismo "máis igualitario, prudente e sustentable" choca cos límites ecolóxicos do planeta. O crecemento económico -a base para o crédito- implica o aumento da extracción e destrución das enerxías non renovables, e con iso un incremento dos gases de efecto invernadoiro que provocan o Cambio Climático.

Unha das decisións máis irresponsables e perigosas foi acordar un programa adicional de 1,1 billóns de US$, en forma de prestamos xestionados polas mesmas Institucións Financeiras Internacionais (IFI: Grupo do Banco Mundial e Fondo Monetario Internacional), que son co-responsables da crise global, e que impuxeron -durante os últimos 30 anos- políticas neoliberais e axustes estruturais que obrigaron a recurtar o gasto público dos Estados. O FMI e BM non só destruíron masivamente emprego, impediron aos países a alimentar a súa poboación, privatizaron os servizos públicos básicos, financiaron a extracción de recursos non-renovables e obrigaron a desregular a industria financeira, senón que xeraron unha inmensa débeda externa e ilexítima, que é unha das causas da pobreza no mundo. Co fortalecemento do FMI e BM, triplicando os recursos á súa disposición, xerará unha nova crise mundial da débeda que aprofundaría a desigualdade no mundo. Por iso esiximos que nen un só euro de diñeiro público vaia ao FMI, nen ao BM, e vemos máis necesario do que nunca comprometernos coas loitas internacionais pola abolición da débeda externa e as IFIs.

A reunión de Londres mostrou que EUA e a UE están sumamente preocupados pola falta de liquidez nos países emerxentes e do Sul Global, que repercute sobre a expansión e o crecemento das súas empresas transnacionais nestes mercados, que á súa vez son as súas principais fontes de recursos naturais. Por esta razón, o G20 pretende financiar con cando menos 250.000 millóns de dólares operacións comerciais a través das axencias de créditos á exportación, axencias de investimento e Bancos Multilaterais. Algo que rexeitamos.

Así mesmo comprométense a concluír a Rolda de Doha da Organización Mundial de Comercio, (OMC) totalmente inaceitable para Ecologistas en Acción, porque as regras da OMC supoñen a desregulación a escala nacional dos sectores agrícola, industrial e de servizos, o cal impede que os países adopten as medidas necesarias para loitar contra as crises económica, social, alimentar e ambiental.

O G20 non toma en conta que a OMC impón unha extrema desregulación dos servizos financeiros. Con todo, a liberalización dos servizos financeiros fai parte das negociacións para ampliar o alcance do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AGCS, GATS en inglés), que xa impón moitas restricións á regulación gobernamental sobre o sector, impedindo, por exemplo, que se prohiba os produtos financeiros de alto risco. Por iso, Ecologistas en Acción reclama a paralización de todas as negociacións sobre servizos financeiros na OMC e os tratados de libre comercio (TLC).

Por ultimo, queremos mostrar a nosa solidariedade coas mobilizacións internacionais contra o cume do G-20, especialmente as que se levaron a cabo en Londres, e reafirmar o noso compromiso de seguir impulsando mobilizacións contra as medidas anti-crise do G-20, e moi especialmente da Unión Europea e do goberno español.

En contra do falso optimismo de José Luís Rodríguez Zapatero, dicindo que a recesión tocou fundo no segundo semestre de 2009, advertimos que o peor da crise financeira no ámbito español está por vir aínda. Por unha banda haberá unha enorme incapacidade de pagar as hipotecas e devolver créditos polo crecente paro, que non se inviste facilmente pola destrución definitiva de postos de traballo en sectores como o inmobiliario, financeiro, automobilístico e turístico, e doutra banda un quebra xeneralizada dos promotores inmobiliarios -polo descenso da venda e dos valores inmobiliarios e do chan- o que afectará substancialmente a toda a industria financeira española. A pregunta é: quen ten os activos tóxicos españois?

Para Ecologistas en Acción a crise económica é unha oportunidade para transformar a civilización industrial e adoptar políticas que adopten unha traxectoria distinta con respeito aos fluxos de enerxía e materiais. O diñeiro público debe compensar aos países do Sul pola débeda ecolóxica xerada, así como encamiñar políticas económicas que se basean en criterios de xustiza social e ambiental, solidariedade e sustentabilidade, o que implica un decrecimiento económico.