Este sábado 29 de novembro, como cada último sábado de mes, as asociacións Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia e o Centro Social do Calvario organizan un novo MERCADIÑO DE TROCO E CESIÓN na rúa Urzáiz, fronte ao mercado do Calvario, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

Esta nova xornada de troco e cesión pretende consolidar un espazo de intercambio e cesión voluntaria de bens e servizos no que non se empreguen os cartos. Os fundamentos desta experiencia son fondamente ecolóxicos, na medida en que o troco e a cesión, baséanse na reutilización dos bens, na súa revalorización e na primacía das interrelacións persoais, moito máis enriquecedoras que as relacións artelladas ó redor do intercambio monetario.

O sábado 29, a partir das 11 da mañá, todo aquel que queira participar nesta experiencia poderá pasarse pola rúa Urzáiz levando aqueles bens -roupa, libros, música, obxectos decorativos, artesanía, electrónica, mobles e o que a cada un lle pete- que queira trocar ou ceder voluntariamente a outras persoas. A idea é fomentar a cesión desinteresada dos obxectos que non utilizamos (e que ben lle poden servir a outras persoas) ou o seu intercambio por aqueles obxectos ou bens dos que si precisamos.

Nesta ocasión, o mercadiño contará cunha sección especial para o troco de libros, polo que vos pedimos que saquedes do baúl todos eses libros que xa lestes para cambialos por outros. Sexan cales sexan os vosos gustos, novelas, literatura infantil ou xuvenil, ensaio ou ecoloxía, ¡seguro que atopades algo interesante e gratuíto para saciar o voso apetito lector!

Como dixo alguén, "Se conseguíramos consumir dunha forma moderada, sensata, xusta, ecolóxica e solidaria, a sociedade no seu conxunto funcionaría nesa dirección."

Agardámosvos este sábado pola mañá na rúa Urzáiz. No caso de que chova, o mercadiño celebrarase no Centro Social do Calvario, na rúa Numancia 3 (a poucos metros da rúa Jenaro de la Fuente). E recordade que o mercadiño de decembro estará dedicado a troco de xoguetes… realizado polos propios nenos.