O itinerario previsto é o seguinte: Peinador, Regomil, Capela de Santiaguiño, Arrufana, o Pombal, a Fenteira, a Costa cillarga, Focos, o Penedo grande, o Penedo negro, e o Galleiro, sendo este último o cumio do monte cunha altitude de 749 m. s.n.m. A volta consistirá en realizar o percorrido inverso.
O Monte Galleiro é un lugar de extraordinaria beleza pero cunha chea de impactos ambientais que o degradaron e o seguen a degradar a cotío. Claros exemplos destes danos son os repetidos lumes que se teñen producido no lugar, as plantacións de eucaliptos que se extenden por diversas zonas do monte e as canteiras a ceo aberto que se poden ver "salpicadas"polas ladeiras do Galleiro.
Pese a esta problemática ambiental, o Monte Galleiro preserva importantes valores naturais no seu seo como albergar poboacións de aves incluídas na Directiva 79/409/CEE de conservación das aves silvestres da UE tais coma a papuxa do mato, o ralo, ou a cotovía, ou como ser o lugar onde habitan diferentes especies de anfibios e réptiles incluídas na Directiva 92/43/CEE de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres da UE coma o lagarto das silvas, a saramaganta ou o sapiño pinto.
A estes valores naturais cómpre sumar as impresionantes vistas que se poden contemplar dende este monte xa que a súa gran altitude faino o curuto máis elevado desta zona da provincia de Pontevedra.
O roteiro é aberto e gratuíto á cidadanía en xeral e contará coa presenza dun guía da asociación que irá informando ás/aos asistentes dos diferentes valores e aspectos que se vaian observando ao longo da xornada. Cómpre levar comida, bebida e roupa e calzado axieitados.
O percorrido até o comezo do roteiro realízase en transporte público colectivo para fomentar este tipo de transporte entre a cidadanía e para non contribuír ó avance do cambio climático.
Para máis información: Diego Rodríguez
Vicecoordenadorxeral de Verdegaia
(670 784 919)