encontro_ea.jpgA pesar do frío, a choiva e incluso a neve, os pasados días 29 e 30 de novembro tivo lugar en “Casa Quireza”, no concello de Cerdedo, o II Encontro da área de Educación Ambiental de Verdegaia, na que seguimos a traballar no estudo do currículo oculto antiecolóxico dos libros de texto.

Os libros de texto, queirámolo ou non, son os que directa ou indirectamente marcan a axenda de asuntos que hai que aprender, os que marcan tendencias no ensino formal, os que representan a súa vez o "coñecemento serio", o "coñecemento de verdade". En definitiva, dannos unha idea de como aprendemos a mirar o mundo.

Como consecuencia, dende hai algo máis dun ano, Verdegaia está a levar a cabo un estudo sobre a sostibilidade e a insostibilidade dos libros de texto empregados nos centros educativos galegos.

Nesta ocasión, xuntámonos para poñer en común o traballo desenvolvido durante este ano e planificar os pasos a seguir nos seguintes meses.

Mais a área de Educación Ambiental de Verdegaia quere ser algo máis que un grupo de traballo para a análise dos libros de texto. Queremos facer do noso encontro anual un espazo de debate no que compartir as actividades de Educación Ambiental que desenvolvemos nos núcleos comarcais e tamén un espazo de formación nos temas que máis nos interesan.

Pero aínda hai máis… na actualidade, Verdegaia está a poñer en marcha proxectos, programas e actividades que precisan incorporar unha “visión educativa”; o recentemente presentado programa “Consomes ou Devoras?” é un bo exemplo desta situación. Como consecuencia, estes encontros queren ser tamén unha ferramenta para o conxunto da asociación, para comunicar mellor e, a fin de contas, para contribuír á necesaria transformación da nosa sociedade.

Estades todos e todas invitados/as a participar!