banner_cadrado.jpgUn cento de persoas percorreron na tarde do 24 de abril os dous quilómetros que separan a central térmica de carbón de Meirama (UNIÓN FENOSA-GAS NATURAL) da incineradora de SOGAMA, no municipio de Cerceda. Fixéronno baixo o lema “O clima non está á venda” para se sumaren desde o noso país á celebración do Día da Terra, do que este ano se cumpriu o 40 aniversario.

andaina_polo_clima.jpgAo longo da Andaina polo Clima, promovida por diversas organizacións sociais, entre elas Verdegaia, fixéronse varias paradas para simbolizar o rexeitamento do actual  modelo de produción e consumo e a defensa de solucións reais á crise climática. Así, sucesivamente, abandonáronse representacións de espigas de millo transxénico, do automóbil e das centrais  térmicas de carbón, dándose leitura aos seguintes textos:

“O modelo industrial de produción/extracción, distribución e comercialización de alimentos é un dos principais responsables da mudanza climática. O uso intensivo de maquinaria, fertilizantes e pesticidas químicos de síntese, a deforestación e destrución de turbeiras para o avanzo da fronteira agrícola industrial, o fenómeno dos “alimentos viaxeiros”, o sobreenvasado e a concentración da comercialización en grandes superficies ás que acudir en automóbil supoñen un elevadísimo consumo de enerxía e petróleo e xa que logo un grave contributo da nosa alimentación á mudanza climática. A soberanía alimentar, a agroecoloxía, a agricultura labrega, a produción biolóxica de alimentos e a súa comercialización en circuítos curtos diminúen drasticamente as emisións causantes de mudanza climática e a nosa pegada e débeda ecolóxica, ao tempo que favorecen a revitalización e repoboamento do rural e aseguran o aceso universal a alimentos saúdables”.
 
“A maior parte do aumento das emisións causantes da mudanza climática rexistrado en Galiza durante os últimos vinte anos foi debido ao transporte. Multiplicouse o número de coches e de camións e disparouse o seu uso. Hoxe, temos un modelo de transporte inimigo do clima, devorador do territorio, custoso, case totalmente dependente dun petróleo cada vez menos abundante e máis caro e que marxina a quen non posúe un coche. Non abonda con xeralizar o coche eléctrico, que mesmo pode  aumentar as emisións se a maior parte da electricidade é sucia. O prioritario é que haxa menos coches e que se usen menos, procurando reducir as necesidades de transporte, potenciando moito máis os modos de transporte sustentables e non subvencionando a  compra e utilización de automóbiles”.

faixa_verdegaia_meirama.jpg“As centrais térmicas de carbón son as centrais eléctricas máis sucias e ineficientes, son grandes fábricas de cambio climático. Queimar carbón en centrais como a de Meirama é a forma de producir electricidade máis prexudicial para o clima. As centrais de carbón son “centrais de morte”, porque son as industriais que máis nos achegan a unha catástrofe climática global. Non queremos centrais que emitan elas soas máis CO2  que moitos países empobrecidos. Queremos que se deixen de usar canto antes os combustibles fósiles na produción de electricidade, comezando polo carbón, o máis impactante. Demandamos unha produción eléctrica sustentable, descentralizada e baseada en fontes renovables de baixo impacto ambiental, orientada a satisfacer un consumo galego suficiente  e eficiente”.

Xa no final da marcha, ás portas das instalacións de SOGAMA, organizouse unha cuarta parada, na que as cinsas da incineración do lixo “transformáronse” en solo fertilizado por compost feito a partir do lixo orgánico, léndose este texto:

“A xestión do  lixo na Galiza resúmese en  tres palabras: centralista, inxusta e contaminante:

  • Concentra o seu  tratamento nunha macroplanta nun país cunha enorme  taxa   de   dispersión   poboacional,   aumentando   os  custos   ambientais   e económicos   da   xestión   a   través   dos  milleiros   de   quilómetros   que   se percorren a diario desde os 294 concellos adheridos ó modelo SOGAMA.
  • Inxusta   e   desequilibrada,   xa   que   os   focos   de   produción   de residuos concéntranse nas  grandes   cidades  mentres  que  o  seu  tratamento  faise afectando directamente á sociedade e contorna ambiental de Cerceda e dos concellos próximos.
  • Contaminante: non só polo propio proceso de incineración, senón tamén polo transporte e as emisións de metano que se producen no macrovertedoiro de  Areosa.

Desde o movemento  ecoloxista galego avogamos   por   un   modelo descentralizado e participado,   que   aposte   pola   educación   ambiental   e   a redución   na   orixe   e   fundamentado na compostaxe, que non só recupera materia e respecta os ciclos naturais, se non que aparece coma un sumidoiro de CO2 e favorece a loita contra o Cambio Climático.

Estas poucas verbas resumen o noso rexeite á incineración coma modelo de xestión de residuos”. teresa_moure_andaina_polo_clima.jpg

Os participantes, o mesmo que fixeron no comezo coa central térmica de Meirama, pecharon simbolicamente o “complexo ambiental” de SOGAMA.

A Andaina polo Clima concluiu coa leitura do manifesto “O clima non está á venda” pola escritora Teresa Moure.

Máis información:

Vídeo da Andaina polo Clima

Fotogalería da Andaina polo Clima (A Nosa Terra Diario)

As centrais térmicas de carbón continúan sendo grandes fábricas de cambio climático