Amarante e Verdegaia súmanse á convocatoria descentralizada o 15 de novembro, coincidindo co cumio do G-20, en protesta pola irracionalidade da economía financeira e o apoio dos gobernos á súa continuidade.

Amarante e Verdegaia súmanse á convocatoria descentralizada (en Galicia – A Coruña: Plaza de Maria Pita – Vigo: Puerta del Sol) para saír ás rúas o 15 de novembro en protesta pola irracionalidade da economía financeira e o apoio dos gobernos á súa continuidade. Ese día reunirase o G-20 para comezar un proceso de “refundación do capitalismo”.

As políticas de loita contra a crise financeira, de “refundación do capitalismo”, de Estados Unidos, a Unión Europea e o Estado español estanse baseando en apontoar o sector bancario e facilitar liquidez aos mercados para que recuperen a tan maltreita confianza. Este é o fundamento último dos 50.000 millóns de euros que o Goberno se pensa chegar a gastar na compra de activos dos bancos (o que incrementará a débeda pública do 37% ao 42% do PIB) e dos 100.000 millóns que puxo sobre a mesa para avalar a banca.

Así estanse a transferir os riscos e as perdas aos Estados e, en definitiva, ao conxunto da cidadanía. É curioso que un dos argumentos para manter as desigualdades no mundo, os riscos que corren os grandes capitais nos seus investimentos, se veña abaixo tan rápido: os riscos pasan de ser privados a colectivos.

Este tipo de políticas, non só pon as bases dunha nova burbulla especulativa ao insuflar liquidez sen cambiar as regras do xogo, senón que ameazan aos Estados cunha posible quebra, como xa apuntan os mercados ao estar subindo a prima de risco de países como o noso. E unha quebra estatal tería unha fortísima repercusión social, xa que implicaría o desmantelamento da sanidade, a educación e outros servizos públicos, algo que xa experimentaron en Arxentina en 2002 e que está sobrevoando numerosos lugares do mundo, entre eles países próximos como Islandia ou Hungría.

Unha posible consecuencia adicional é que, froito da posta en circulación destas cantidades inxentes de diñeiro, se entre nun proceso altamente inflacionario nos países do Norte. Para evitar que non se volvan a producir novas burbullas especulativas e desmáns financeiros Amarante e Verdegaia consideran que é necesario socavar as raíces sobre as que se sustentan.

Deste xeito o G-20 debería adoptar medidas do tipo de:

  • Ancorar as moedas a valores físicos pondo límites á creación do diñeiro. Poderíanse ancorar ao tamaño da poboación ou a unha cesta de produtos básicos. A clave é que non poida crecer o diñeiro á marxe da cantidade de recursos naturais existentes.
  • Implantar un sistema de cambios fixos para as divisas con control democrático internacional.
  • Imposibilidade de operar con moedas distintas á local e control público dos bancos centrais.
  • Limitar drasticamente o movemento internacional de capital e abolición da débeda externa dos países do Sur.
  • Forte regulación e transparencia dos mercados, coa apertura dos seus libros ao público, xunto coa eliminación dos paraísos fiscais.
  • Prohibir que os bancos presten diñeiro por encima dos depósitos que teñen (subir o coeficiente de caixa ao 100%), eliminando ademais mecanismos como a titularización de débeda.
  • Control público e democrático da banca para forzala a actuar con criterios de equidad, solidariedade e sustentabilidade.

Estas medidas servirían para reducir a posibilidade de novas burbullas especulativas e desmáns financeiros internacionais que terminen xerando unha nova crise. Pero non permitirán avanzar cara a un mundo realmente sostible, solidario e xusto, xa que isto é incompatible co sistema actual, que require o crecemento ilimitado e a creación de desigualdades para a súa subsistencia. Medidas que irían neste sentido serían: a redución do ámbito da economía monetaria; a reconversión ecolóxica do sector industrial, da construción e as cidades; o impulso dun mundo rural vivo baseado na produción agroecolóxica; a transformación do sistema enerxético cara fontes renovables; ou reinvestir o diñeiro destinado a grandes infraestruturas de transporte en fomentar os circuítos de produción-consumo curtos e o comercio xusto.

Para máis información: 

http://www.quiendebeaquien.org/spip.php?rubrique71