O pasado mércores 16 de xaneiro comezou a vista oral no proceso seguido contra Laura Bugalho por falsificación documental continuada e baixo acusación a mans da policía de pertenza a unha rede de tráfico de inmigrantes. No contexto deste proceso a propia Laura xa ten sufrido no pasado unha detención de 48 horas. Hai ademais dela outras 8 persoas inmigrantes imputadas. Para Laura a fiscalía solicita varios anos de prisión.
De Verdegaia consideramos este proceso como unha proba máis da escalada de represión que o Estado e os seus diferentes organismos están a levar adiante contra todas as formas de disensión, resistencia, protesta ou construción de alternativas. Precisamente ela colaborou connosco no pasado mes de decembro nun faladoiro sobre represión e movementos socias.
Loitadora polos dereitos das persoas trans, migrantes, traballadoras, das presas e presos políticos e de tantas outras causas, Laura representa para nós e para moitos outros colectivos e persoas, o cruzamento de identidades diversas que atravesan a lóxica dos movementos sociais en Galiza e a rebeldía e perseverancia fronte á imposición da lóxica do capital e dunha visión unívoca e rancia da sociedade.
Por todo isto e por ser tan necesaria como compañeira de viaxe, agardamos que finalmente saia airosa deste proceso e que pola contra quen si teñen implicacións no tráfico de persoas reciban a pena correspondente.
Mala xustiza é a que se exerce contra os dereitos das persoas. Mala xustiza é a que persegue a protesta e a pobreza e protexe ou indulta os que están do lado do poder.