trisca.jpgEsta semana o núcleo comarcal da asociación ecoloxista en Compostela fixo repaso do acontecido e aproveita o agromar da primavera para definir as actividades do vindeiro curso. A xuntanza de activistas foi acollida polo centro social da Trisca onde se pasou revista a cada área de traballo: educación ambiental, biodiversidade e territorio, enerxía e transporte, e resíduos e consumo.

Revisadas as contas "todo en orde", procedeuse á elección dos cargos de representación: continua María López como coordenadora comarcal, Chus Boo na Tesouraría, e remuda a secretaría comarcal con Santi Moroño.

Plano de acción

Consolídanse actividades como os obradoiros de cociña sustentábel, as tertulias ecolóxicas de cada mes no Paraíso Perdido, ou o ciclo de cinema coa asociación solidaria Amarante. A novidade para este ano no cinema eco-solidario é darlle vocación de sección de festival. A feira de trocado dos últimos sábados de mes na Praza de Abastos, onde centos de persoas exploran novas vidas a vellos obxectos, encamíñase ao funcionamento en rede con outras organizacións de comercio xusto, viciñais, culturais e sociais coas que se vén colaborando a cotío.

Ao fío de proxectos como o plano especial para as Brañas de Sar ou a recuperación da Selva Negra, ábrese unha liña innovadora de educación ambiental para a sensibilización cidadá sobre espazos verdes non antropizados na urbe. Trátase a importancia para o ecosistema e a nosa calidade de vida de dispor de paraxes naturais en zona urbana onde a función ecolóxica é a orixinal e a tradicional. É aprendermos un novo xeito de entender os parques onde se respecte a natureza e as persoas podamos gozar privilexiadamente da súa biodiversidade, co engadido de custes mínimos de mantemento para o concello.

O grupo atenderá as convocatorias administrativas de participación pública como vén facendo ao abeiro da convención de Aarhus, colaborando e opinando en tramitacións urbanísticas e industriais, licenzas municipais, consultas da Xunta, etc. Nesta disciplina tentarase para este curso algún proceso proactivo de negociación con industrias da zona para alén do cumprimento legal, se poda trocar a sensación de enfrontamento por solucións consensuadas e positivas para todas as partes e en beneficio do noso ambiente.

En transporte Verdegaia propón avaliar como outros anos a resposta da nosa cidade a unha carreira de medios. Segue a ser a bici a máis rápida, económica e saudábel? Avanza o bus? Mantense o convenio coa USC para o sistema de bicis en préstamo e animamos ao cada vez maior número de persoas que van de bici a cotío para festexarmolo nesa Masa Crítica ciclista que leva 20 anos a se celebrar en 350 cidades do mundo (últimas cuartas-feiras de mes, ás 20:30 na praza Roxa). Menos consumo de gasolina é máis sustentabilidade para o noso planeta… seguirase a afondar en novas actividades para a filosofía do decrecemento, e mesmo se programa a rodaxe dun "contra-anuncio".

Petiscos

Coa enerxía das novas ideas e a forza das boas experiencias do ano completamos o serán do día 27 con petiscos a base da nosa extraordinaria horta local, produtos de comercio xusto e a queda do sol sobre Belvís nesta semana de revisión anual de Verdegaia Compostela.