Food Inc (2008) de Roberto Kenner. 94 min. Expón a realidade da industria alimentaria norteamericana, controlada por unhas poucas corporacións que poñen o lucro por riba da saúde, das condicións laborais ou da protección ao medio ambiente
Esta quinta-feira, 10 de febreiro, temos a segunda proxección do ciclo de cinema “Coñecer para Cambiar” organizado por Amarante Setem e Verdegaia. O ciclo desenvólvese do 3 de febreiro ao 03 de marzo no local social que comparten ambas as organizacións na Avda. Romero Donallo, nº 17 en Compostela. As proxeccións terán lugar os xoves ás 20:30 horas e a entrada é de balde até completar o aforo (30 persoas).
As proxeccións centraranse nas consecuencias sociais e ambientais do modelo de desenvolvemento vixente e na necesidade de ir “Mudando o Rumo” deste sistema.
Con esta actividade as organizacións implicadas pretenden abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais, empregando a linguaxe audiovisual como vehículo de achegamento a esas realidades.
Nesta segunda edición, os documentais escollidos pretenden amosar as nefastas consecuencias sociais e ambientais acarreadas polo modelo de produción e consumo vixente, visibilizando ao mesmo tempo as experiencias de loita e resistencia encamiñadas a ir “Mudando o Rumo” dun sistema depredador co ambiente e cos dereitos humanos fundamentais.
- Como novidade, este ano o ciclo abrirase cunha sesión de proxeción de curtas que encarnan a temática proposta para esta actividade de sensibilización. Así, as curtas “La tierra es nuestra” (4min32s), “África, ¿estás ahí?” (21min58s) e “Mujeres de Intag” (29min) amosaranos os impactos do modelo de desenvolvemento capitalista para as comunidades e o ambiente, e achegaranos a iniciativas de organización popular, proxectos de economía social e de aposta pola soberanía alimentar.
- O programa seguirá cunha ollada crítica á industria alimentar en America do Norte a través do documental “Food Inc” (Estados Unidos, 2008, 94 min), para logo coñecer da man de “Made in LA” (Estados Unidos, 2007, 72min) a historia de loita polo recoñecemento de dereitos laborais de traballadoras migrantes do sector téxtil.
- O xoves 24 de febreiro, co documental “O poder da comunidade” (Cuba, Estados Unidos, 2006, 53min) toca aprender da experiencia cubana á hora de formular alternativas a unha realidade que logo teremos que afrontar, como é a da escaseza de combustíbeis fósiles.
- Para botar peche ao ciclo, escolleuse o documental “Amazonia: Masato o Petróleo” (España, 2009, 52min), que denuncia a conivencia entre o goberno peruano e os intereses das grandes empresas nacionais e transnacionais, e a loita por das comunidades labregas e indíxenas para poñer freo ao espolio dos seus recursos naturais e defender a súa dignidade.
Para combater o frío e estimular o debate, ofreceremos ás persoas asistentes un chocolate de comercio xusto despois de cada proxección.
Cartaz coa programación do ciclo