Hai oito anos o equipo de goberno municipal comprometeuse á implantación dun programa de Axenda 21 Local (A21L) para o desenvolvemento sustentable de Compostela. A actual lexislatura, que xa remata, comezou cun anuncio semellante, igualmente incumprido nos catro anos decorridos desde a última convocatoria municipal coas urnas.

Entrementres, as peticións de colectivos coma Verdegaia polo impulso e potenciación de iniciativas ligadas á participación en materia ambiental caeron en saco roto: o consello municipal de medio ambiente foi convocado unha única vez nestes catro anos, resultando ademais unha convocatoria parcial e limitada no que a colectivos se refire; a participación das asociacións e colectivos ecoloxistas e veciñais na xestión municipal é practicamente inexistente; e mesmo propostas para a xestión participada de determinados espazos, como as Brañas do Sar, resultan completamente ignoradas.

O goberno municipal semella apostar nunha forma de facer cada vez máis lonxe do municipalismo polo que nalgún momento se apostou.

Perante esta situación, de Verdegaia queremos chamar a atención sobre a necesidade de apostar nunha xestión ambiental participada do concello para a resolución dos problemas ambientais e sociais existentes.

Entendendo a xestión ambiental participada coma un proceso de implicación directa das persoas no coñecemento, valoración, prevención e corrección de problemas ambientais, perante a actual situación de crise ambiental, nunca coma nestes momento resulta máis transcendente e necesario potenciar os instrumentos sociais que contribúan á apertura de procesos participativos.

A xestión dos residuos, o transporte e a mobilidade, a xestión e utilización dos espazos verdes, o sistema de depuración das augas residuais, ou o urbanismo do concello son elementos da xestión municipal que, xunto con outros moitos, serían susceptíbeis de incorporarse a procesos participativos onde as veciñas e os veciños de Compostela decidisen que facer e como.

Fronte aos procesos convencionais de toma de decisións –cuxa única lexitimidade radica na deposición dun voto nunha urna cada catro anos-, ou os procesos pretendidamente participativos impulsados polas distintas administracións –que, no mellor dos casos, se limitan a ser espazos sen capacidade real de decisión– de Verdegaia consideramos necesario o impulso de procesos participativos corresponsábeis, onde colectivos, cidadanía en xeral e administración dialoguen de igual a igual co obxectivo de avanzarmos cara a unha democracia ecolóxica e reflexiva.

Procesos participativos que contribúan á implicación da cidadanía nos problemas ambientais, a través do coñecemento da realidade ambiental e social do seu concellos; que potencien a súa capacitación e aprendizaxe ambiental xa que, a fin de contas, os procesos participativos son procesos educativos; e que, en definitiva, constitúan o piar da convivencia na nosa cidade.