O sábado 28 de setembro as Brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia únense á Mobilización Global polo Clima colocando en destaque a necesidade de actuar de inmediato e con urxencia frente á crise climática. Farémolo recuperando unha turbeira drenada polos Servizos Forestais nos anos 1970 na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán (Lousame) e eliminando eucaliptos en toda a súa contorna. As turbeiras representan importantísimos reservorios de carbono e a súa continuada destrución e degradación contribúe para a emisión de CO2 á atmósfera.
A actuación comezará ás 9:30 e finalizará ás 14:00, dándolle continuidade cun xantar de albaroque ofrecido polas entidades anfitrioas de Montescola e a Comunidade Veciñal de Froxán. Na parte da tarde celebraráse a IV Romaria da Coluna Sanfins con coloquios e debates, así como a presentación do libro “Mancomunidade”, nun programa aberto ao público en xeral e ao que as brigadistas voluntarias son especialmente benvidas. Para celebrar a data e en homenaxe das 600 brigadistas inscritas na iniciativa, durante o albaroque repartiremos as camisolas das Brigadas deseucaliptizadoras e faremos unha foto colectiva.
A intervención na turbeira de Campo de Lamas guíase por un plan de xestión e recuperación ambiental que foi seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España”, e que podedes coñecer en detalle aquí. Segundo un estudo elaborado por investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, Campo de Lamas é unha turbeira mineroxénica mixta de alveolo e de surxencia.
Como sempre, ademais de estar previamente inscritas como brigadistas, para vos anotar para esta roga precisades enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org até o dia 25 de setembro. Todas a brigadistas participantes deberán estar puntualmente en Froxán ás 9:30, no punto de encontro habituale finalizaremos ás 14:00 para gozar xuntas do xantar de albaroque. Lembrade que roga non se suspenderá en caso de chuva ou outras inclemencias: non existe tempo ruín, só roupa inadecuada. 😉