O vindeiro domingo 22 de setembro temos roteiro!!
Verdegaia colabora coa Plataforma Contra os Eólicos de Bustelo – Campelo – O Toural (concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo) na organización dunha andaina para coñecer os valores dun espazo natural ameazado por este proxecto, a lagoa de Alcaián. A saída será ás 10h, do aparcadoiro do cemiterio de As Salgueiras, en Coristanco. Trátase dun roteiro circular de hora e media aproximada de duración.
A enerxía eólica é un recurso moi importante no necesario proceso de transición cara un novo modelo enerxético, iso é evidente, pero a forma na que esta se está a despregar polo territorio galego presenta unhas lóxicas perversas que nada teñen que ver con esa potencialidade. Non existe en todo este proceso unha visión política que asuma as verdadeiras necesidades dun cambio de modelo, co que os parques eólicos veñen a ser máis un elemento que se suma ao resto do mix produtivo, dende unha finalidade que busca antes o lucro de grandes empresas que calquera outra cuestión. A eólica non está a ser máis que un novo nicho de negocio que se está a instalar sen participación pública e transparencia, e sobre todo sen o máis mínimo respecto polo territorio e as comunidades que o habitan. E dende que aprobou a Lei de Depredación, a Xunta só está a facilitar máis estas dinámicas, gobernando claramente en prol dos intereses empresariais antes que con calquera outra consideración.
Estas son as razóns que levan a esta aparente contradición: que teñamos que comezar a semana de mobilizacións polo cambio climático cunha acción de protesta contra un parque eólico. Xa nos gustaría que non fose así, porque as enerxías renovábeis deben ser parte da solución e non do problema. Precisamos con urxencia lóxicas renovadas para as enerxías renovábeis. Algo tan sinxelo como comprender que a defensa da natureza comeza polo coñecemento e posta en valor de pequenos espazos como a lagoa de Alcaián ou de grandes áreas como a serra do Iribio. Non se destroza a natureza para defendela, por moitas campañas publicitarias que fagan dende a Xunta sobre iso.
Vémonos este domingo en Coristanco!