Verdegaia continúa en febreiro coa campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ que decorrerá ao longo deste 2024 co obxectivo de dar a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego. Coa celebración dunha andaina cada mes descubriremos, e aprenderemos, curiosidades nos máis variados campos que fan da nosa terra un lugar único.

Este mes imos ata os cantís de Monteferro para entender o contexto natural e cultural deste espazo tan singular da costa de Nigrán. Observaremos as aves e as plantas máis habituais deste tipo de ecosistema pero tamén aproveitaremos para nos mergullar na riqueza arqueolóxica de Monteferro, dende petróglifos ata a maior concentración de muíños naviculares do país.

Os participantes recibirán ao inicio da actividade un folleto con pistas para identificar os elementos máis representativos que se abordarán neste roteiro. Ao rematar, dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.

Data: Sábado 24 de febreiro, de 11 a 13h.

PRAZAS ESGOTADAS