O vindeiro sábado, día 1, temos unha cita en Touro: as Marchas da Dignidade.
Esta iniciativa, que se leva convocando desde hai varios anos, pretende unir a tódalas persoas deste país que se posicionan contra a ameaza que para o noso territorio supoñen tódolos proxectos nacidos ao abeiro da lexislación creada para favorecer os intereses das grandes empresas, como a coñecida Lei de Depredación. A connivencia entre intereses económicos particulares de catro grandes empresas e a nosa administración debería facer saltar tódalas alarmas de calquera que se preocupe minimamente polo medio ambiente e pola saúde democrática do noso país.
Iso quere ser a manifestación do sábado: un NON berrado ben alto, que se oia desde os despachos dos nosos gobernantes, así como desde os dos xestores de empresas como Atalaya Mining, que leva xa tempo querendo cravar as súas poutas sobre Touro e O Pino.
Desde Verdegaia sumámonos a esta convocatoria, e animámosvos a que vos acheguedes o sábado a Touro, para participar nela.
Deixámosvos aquí o manifesto das Marchas da Dignidade:
Galiza está ferida por culpa dun sistema depredador que leva por diante todo o que atopa para encher os petos dos de sempre. Un sistema cruel ao que non lle importa facer dano se con iso consigue satisfacer a cobiza dos que máis teñen. Un sistema que conta coa submisión do poder político, cómplice necesario en toda esta desfeita. Os atentados ao noso país son constantes e veñen xa de lonxe, de moi lonxe, xa desde antes do desecamento da Lagoa de Antela ou da instalación da Celulosa na Ría de Pontevedra. As coiteladas á nosa terra foron, e son, unha constante, e aquí estamos para dicir basta.
Trouxeron unha minería destrutiva que contaminou terra, ríos e rías, e agora pretenden volver traer máis minas para acabar de destruír o que quede. As mesmas empresas que esnaquizan rexións enteiras de Canadá e EEUU coa extracción das Areas Bituminosas e co fracking, queren vir a Galicia a extraer todo o que queiran sen que a Xunta de Galicia teña intención de impedilo e co goberno central ollando para outro lado. Ben o saben aquí en Touro.
Construíron unha celulosa e unha fábrica de cloro na Ría de Pontevedra provocando grandes emisións de nitróxeno e óxido sulfúrico á atmosfera, e de fósforo, cobre, mercurio e zinc á ría e converténdose nunha das industrias máis contaminantes de Galicia, e como iso non abondou, encheron os montes de eucaliptos para satisfacer as súas demandas coa complicidade da Xunta de Galicia e a indiferenza do goberno central. E iso vai ser así moitos anos máis tras a prórroga da súa concesión. E nós dicimos que xa abonda.
Fixeron unha política forestal nefasta para o país que incide no abandono do rural e provoca terribles lumes forestais ano tras ano, moitos deles en parques naturais de gran valor como o Xurés, Invernadeiro ou o Caurel, por non falar dos recentes incendios en Mondariz ou os do ano pasado, que deixaron catro persoas mortas e innumerables danos materiais e ambientais. E para combater o lume, temos bombeiros forestais precarizados que tamén levan anos loitando polos seus dereitos mentres Feijoó fai fotos apagando lumes cunha mangueira. Lumes nunca máis!
Encheron de centrais eléctricas os nosos ríos, esnaquizaron cascadas e prexudicaron a salmóns, troitas e outros animais, puxeron centrais térmicas que encheron a nosa terra de choiva ácida e cóbrannos a electricidade a prezo de ouro, coma se os recursos foran seus, coma se o franquista Villar Mir fora o dono dos nosos ríos. E a pesar de todo isto nin sequera foron quen de dar unha solución á enerxía no peche de Alcoa. Estáfannos e dicimos que chove, pero xa chegou, non podemos permitilo, temos que paralos.
Queremos renovables, queremos enerxía limpa para parar o cambio climático, pero a instalación de muíños e outras instalacións deben contar coa comunidade, coa veciñanza, non poden instalarse en calquera sitio só con criterios das empresas eléctricas.
Todo isto é froito das políticas ao servizo do poder económico e de costas á xente, a nós. E se non nos mobilizamos firme e permanentemente, non imos poder darlle a volta a esta desfeita. Aquí, na loita desde abaixo, unitaria, constante e diversa, poderemos paralos. Por iso estamos aquí, para iso son as Marchas da Dignidade, para sumar forzas contra un inimigo que cada vez ten máis poder porque nós estámolo permitindo. Temos que loitar contra o inimigo común que nos está asoballando, que está desfacendo a nosa terra, os nosos dereitos e as nosas vidas. As Marchas seguiremos loitando para que isto non aconteza e berrando polo pan, traballo, teito e dignidade.