Ranunculus ficaria herba das almorranasA Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que forma parte Verdegaia, segue a realizar accións de diversa índole, encamiñadas á consecución da protección efectiva e á divulgación dos diversos valores deste prezado espazo natural. Así, o vindeiro día 13 de maio terá lugar a III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que sairá ás 10:30 h. do aparcadoiro do Campo de Fútbol da Pasaxe en Vincios (Gondomar) e que terá un percorrido circular de arredor de 10 Km. Os días 9 e 11 de maio Verdegaia divulgará esta actividade con actos de rúa na cidade de Vigo.

Nesta ocasión realizaremos un novo percorrido de dificultade media-baixa, que denominaremos a Ruta da Auga xa que esta, un recurso natural moi prezado, estará presente ó longo de todo o camiño, pois desta vez imos remontar un dos principais cursos fluviais da Serra do Galiñeiro: o río Zamáns.

Principiaremos o noso roteiro sorteando as infraestruturas que invadiron ferozmente as marxes do río, mentres procuramos a sombra fresca do seu bosque de ribeira. Superada por fin a autoestrada do Miñor, adentrarémonos nun dos recantos máis fermosos deste curso de auga: o muíño de Maquía e a envolvente aveleda que o enmarca; esta formación de aveleiras é un bosque de grande frondosidade e cunha elevadísima biodiversidade.

A continuación rodearemos o encoro de Zamáns, unha mostra de como Vigo e as vilas do Miñor puxeron os seus ollos nas augas do Galiñeiro cando o crecemento urbano fixo medrar a demanda. A construción do encoro sacrificou porén os mellores pastizais da parroquia de Zamáns, as denominadas Costas Boas.

Deixando atrás o encoro do río Zamáns seguiremos o seu afluente principal, o río de Vilaza ou de Vilaverde. Atravesaremos un harmonioso conxunto etnográfico que ten como valores máis destacados os seus seis muíños de río, sumados a outros elementos representativos tamén da cultura da auga, como un peirao, un lavadoiro e unha pontella, integrados todos eles nun característico bosque de ribeira ou amieiral. Este ecosistema aparece profusamente coloreado a finais do inverno con múltiples flores de apertura primaveral, como son as anémonas, as prímulas ou os narcisos.

Entre estes últimos, unha xoia do patrimonio natural da Serra do Galiñeiro: o “mallo” (Narcissus cyclamineus), delicado endemismo galego-portugués protexido por distintas normativas.

Abandoaremos por un momento o río de Vilaza e ascenderemos a carón da canteira de Vilaverde e da estación sísmica de Zamáns, para voltar novamente ó seu encontro no lugar de A Fervenza. Aquí o río salva as fortes pendentes da serra formando un espectacular salto de auga.
Deixaremos entón definitivamente o río para encamiñarnos cara o Parque Forestal de Vincios, punto final da Andaina.

Unha vez aquí, Manuel Rivas lerá o manifesto da Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro e disfrutaremos dun xantar popular coa comida que traia cada quen. Tamén haberá música e animación e poderás adquirir a túa camiseta do Galiñeiro. Entre as actuacións artísticas asistiremos á lectura de poemas a cargo de Pepe Cáccamo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira a ás actuacións Musicais de Tino Baz, Cantareiras do Alba e do Leo e Arremecághona.

Agardámosvos a tod@s na Serra do Galiñeiro.

Resumo:

– Día: Domingo 13 de maio de 2012

– Saída: aparcadoiro do Campo de Fútbol da Pasaxe en Vincios (Gondomar) 10:30 h

– Chegada: Parque Forestal do Galiñeiro (Vincios) 14:30 h.

– Ruta circular de aproximadamente 10 Km (3-4 horas)

– Nivel da ruta medio baixo, sendeiros doados e con poucos tramos de desnivel.

– Á chegada lerase o manifesto, poderás adquirir a túa camiseta do Galiñeiro e faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.Haberá música e animación.

-Despois do manifesto e do xantar, o acceso ós coches será polo sendeiro cunha duración de 15-20 minutos aproximadamente.

– Recoméndase levar:

– Calzado cómodo, auga e comida.

DEFENSA DO GALIÑEIRO6 ruta da agua

Cartaz cultural 1