A empresa ,BALNEARIO DEL ATLÁNTICO S.L , autorizada por Augas de Galicia para o vertido de augas residuais do Complexo hoteleiro, estaba condicionada a unha serie de requisitos que foron e continúan a ser amplamente infrinxidos pola sociedade mercantil.
Entre os incumprimentos destacan a falta de tratamento de depuración das augas fecais, que superan os valores límites de contaminación da autorización; a non coincidencia entre o punto autorizado de vertido (mar adentro) e o punto real de vertedura (no litoral visible) -cunha diferenza de máis de 400 m entre un punto e outro-; a non garantía da calidade da auga do vertido; e o claro dano ambiental provocado na zona pola continuidade dos vertidos contaminantes.
Amais, cabe subliñar que entre o punto onde se verten as augas fecais e o punto onde se capta a auga mariña para usos de talasoterapia (bañeiras de hidromasaxe e enchido da piscina) hai unha distancia de tan só 180 metros, o cal, tendo en conta a mala calidade das augas vertidas polo Hotel e o incumprimento dos 2 m de profundidade aos que se debería captar a auga do mar, non semella unha distancia prudencial de captación, tan preto dun foco contaminante.
Inclúese na denuncia o quebrantamento da normativa ambiental en materia de augas que supoñen os vertidos, ao non respectar os obxectivos de calidade das aguas das Rías, recollidos na Lei de Augas de Galicia; nin se respectan os parámetros fixados no decreto de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos, dado que o banco marisqueiro que existía na zona de vertido, aproveitado historicamente pola Confraría de pescadores, quedou altamente afectado por mor dos vertidos continuados.
Por outro lado, as licencias urbanísticas outorgadas polo Concello de Oia foron anuladas por sentencia firme do TSXG de marzo de 2009, o cal impide que o Complexo Hoteleiro conte coa licenza de actividade, e por ende, coa preceptiva autorización de incidencia ambiental, vulnerando unha vez máis o Decreto sobre a avaliación de incidencia ambiental.
Por último, a Administración non pode seguir permitindo que continúe a actividade contaminante do Balneario que supón un claro dano ambiental no ecosistema mariño, amais de chocar de fronte co marco de protección, conservación e mellora do medio acuático no seu conxunto, incluíndo as augas costeiras, da Directiva Marco da Auga. Esta norma comunitaria busca previr o deterioro do estado das masas de auga e alcanzar un bo estado (ecolóxico e químico) de todas as masas de auga naturais antes do 2015, reducindo progresivamente a contaminación, para a conservación real dos ecosistemas acuáticos, incluídos os mariños.
Á hora da adaptación da normativa estatal á Directiva Marco, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, dentro do labor da delimitación e protección do Dominio Público Marítimo Terrestre contempla actuacións relacionadas con demolicións de infraestruturas ou de construcións dentro do DPMT, actuacións que dende VERDEGAIA reclamamos á Administración en Galicia, para que se cumpra a legalidade vixente, así como que cesen de inmediato os vertidos contaminantes do TALASO DE OIA e se repare o dano ambiental provocado.