Saírase da Estación de trens de Vigo ás 9:00 h. e da Estación de trens de Arcade (Soutomaior) ás 10:00 h., empregando o tren –un medio de transporte sostible- para desplazarnos ate Arcade. O itinerario previsto é o seguinte: Estación de trens de Arcade, Río Verdugo, Pontesampaio, Illa do Castelo, Illas Salvedosas, Muiño de marea de Paredes, Punta dos Caralletes e Larache. O percorrido realizarase a pe coa axuda dun guía da Asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,…) da Enseada ó longo da xornada.
O roteiro durará todo o día e cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
A Enseada de San Simón
A Enseada de San Simón está situada nos concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Pontevedra e pertence á Rede Europea de Espazos Naturais Rede Natura 2000 dende o ano 2001 cun espazo protexido de 2.252 Ha.
Este espazo natural alberga cinco Hábitats de interese comunitario para a Unión Europea. Son os seguintes:
-
Chairas lamacentas ou areosas que non están cubertas de auga cando hai marea baixa.
-
Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
-
Pasteiros de Spartina.
-
Pasteiros salinos atlánticos.
-
Bosques aluviais de amieiros
Un destes cinco hábitats -o composto por Bosques aluviais de amieiros- é, ademais, un Hábitat prioritario para a Unión Europea e constitúe un dos tres bosques de amieiros máis grandes de Galicia.
A Enseada de San Simón alberga tamén dúas especies de animais de interese comunitario para a Unión Europea que son o Sapiño pinto (Discoglossus galganoi) e o Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), ademais de ser unha importantísima zona de invernada para un elevado número de aves acuáticas entre as que salientan o Lavanco (Anas platyrhynchos) ou o Pato asubión (Anas penelope) que contan con máis dun milleiro de aves cada unha invernando ano tras ano neste espazo natural.
A nivel botánico salientan as Pradeiras submariñas de Ceba (Zostera marina e Zostera noltii) que conforman os Cebais: superficies cubertas de plantas submariñas que cumpren importantísimas funcións no ecositema como a de servir de agocho de moitos peixes como o famoso Cabaliño de mar (Hippocampus sp.) ou a de ser sustento de gran número de parrulos.
A nivel económico, a Enseada de San Simón cumpre unha importante función xa que alberga importantes bancos marisqueiros e de pesca que son aproveitados pol@s numeros@s mariscadores/as e pescadores da zona.
A nivel etnográfico salienta o Muiño de marea de Paredes ou a Ponte medieval de Pontesampaio.
Para máis información falar con Diego no 670784919