O próximo  domingo  3 de  abril  celebrarase  o “I  Costa-Trail  de Oleiros  “Seixo  Branco”,  competición deportiva de carreira de montaña organizada pola S.M. Ártabros en colaboración co Clube Pico do Castro de Oleiros. Diversas organizacións ecoloxistas e conservacionistas de Galicia entre as que se atopa Verdegaia alertan do posible impacto que esta competición deportiva podería ter sobre unha das principais colonias de aves mariñas de Galicia.

Mantívernose contactos cos organizadores da proba, así como co Concello de Oleiros e os responsables de Conservación da Natureza da Consallería do Medio Rural. Os organizadores (o Clube de Montaña Ártabros e o Clube Pico do Castro) non solicitaron permiso para a realización da proba no espazo natural protexido, declarado Monumento Natural e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Natura 2000), segundo estas organizacións puideron confirmar por parte dos responsables da Consellería de Medio Rural. Solicitouse tamén, sen conseguilo até o momento, a modificación do trazado da proba, que só afectaría a 3 km do total de 18. Desta maneira evitaríase unha grave afección ós niños das aves, neste momento ocupados por estaren en plena tempada de cría.

Esta proba percorrerá o espazo Rede Natura 2000 e Monumento Natural Costa de Dexo, no cal se localiza unha das principais colonias galegas de corvo mariño cristado, probablemente a de maior importancia de cantas existen no continente (é dicir, fóra das nosas illas). O corvo mariño cristado é unha especie ameazada que está experimentando un acentuado declive poboacional nos últimos anos, o que o ten levado a estar considerado como en perigo de extinción no “Libro Rojo de las Aves de España (Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino)” e protexido legalmente a través do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que o considera como vulnerable.

Esta proba, na que está prevista a participación de 200 corredores máis persoal da organización e público, percorrerá, tal e como está actualmente deseñada, a primeira liña de costa, a menos de 20 m dun número elevado de niños de corvo mariño cristado e en pleno periodo de cría desta especie e outras especies protexidas presentes na zona, provocando unhas molestias que poderían supor o abandono dun número elevado de niños nun periodo crítico de eclosión e desenvolvemento dos pitos.

Durante parte do seu percorrido, a carreira alónxase dos camiños que conforman a ruta de sendeirismo existente na zona, chegando a aproveitar terreos afectados por un lume ocorrido en 2010 e a afectar a hábitats prioritarios segundo a Directiva 43/92/CEE ou Directiva Hábitats.

As entidades denunciantes, que asumen e lamentan o escaso prazo de tempo existente até a data de celebración, non se opoñen a este tipo de actividades deportivas realizadas dunha maneira regulada, por consideralas sostibles e realizadas por persoas xeralmente respectuosas co medio. Non obstante, consideran que a data de realización da proba é inaxeitada, máis tendo en conta que non se ten constatado a existencia de ningún tipo de autorización por parte da administración para a súa realización. Por este motivo, as asociacións asinantes puxéronse en contacto coas entidades organizadoras e coa administración co obxectivo de solicitar que o percorrido transcorra a unha maior distancia dos niños das aves e se evite o pisoteo de hábitats prioritarios. En concreto, solicitouse a modificación de tan só tres pequenos treitos dunha lonxitude aproximada de 3.000 metros, realizando unha proposta de trazado alternativo. Desta maneira, a variación na lonxitude final do percorrido sería de só 250 m, nunha proba dunha lonxitude total aproximada de 18 km. Até o momento a organización non se ten mostrado receptiva ante estas propostas.

Por último, queremos subliñar que este caso pon en evidencia a urxente necesidade dunha ordeación, xestión e regulación de usos nos espazos naturais protexidos galegos, que permita compatibilizar a conservación e posta en valor dos seus valores co su uso público e o desenrolo sostibe da poboación local.

 

Máis información:

– Escrito pola SGO no rexistro da Consellaría do Medio Rural, que inclúe a proposta dun trazado alternativo: http://www.sgosgo.org/archivos/costadexo.pdf

Páxina web da S.M. Ártabros co anuncio da proba, patrocinada por Coca-Cola, Decathlon e GADISA: http://artabros.org/2011/03/i-costa-trail-de-oleiros-seixo-branco-2/#comments