Verdegaia vén de presentar alegacións ao proxecto de trazado do gasoduto do Barbanza, pedindo a paralización do mesmo polas graves eivas do estudo de impacto ambiental que o acompaña. O trazado previsto causaría importantes danos ambientais nas Brañas de Laíño, zona húmida de elevado interese situada na desembocadura do río Ulla e incluída na Rede Natura 2000.

Denunciamos que o proxecto de trazado ten previsto atravesar lugares como as Brañas de Laíño, hábitat cunha grande biodiversidade onde se atopan máis de 160 especies de aves, algunhas moi escasas ou singulares, un bo feixe de plantas de extraordinario interese e gran diversidade de vertebrados e invertebrados, que precisa dun estudo de impacto ambiental polo miúdo para calquera actuación.

 

O estudo de impacto ambiental realizado para Gas Natural pola empresa Omicrón-Amepro limita as referenzas concretas no ámbito do LIC do sistema fluvial Ulla-Deza, do que fan parte as Brañas de Laíño, a teren en conta “importantes poblaciones piscícolas entre las que destacan el salmón atlántico y la lamprea” para, segundo afirma, “evitar de esta manera la afección sobre el espacio protegido”.

 

Consideramos que é de extrema gravidade teren esquecido o relatorio de flora e fauna que se verá afectada, especialmente se temos en conta os diversos graos de protección aos que están sometidas moitas das especies, de importancia mundial.

 

Nas conclusións do estudo do impacto ambiental sinálase que “no se identificaron áreas de anidamiento o territorios de especies protegidas”, cando o trazado incide directamente nun dos hábitats ornitolóxicos máis importantes de Galiza e especialmente na zona de aniñamento de varias especies protexidas, algunhas delas en serio perigo de extinción.

 

Parece que o estudo de impacto ambiental fose feito dende un despacho para cumprir co trámite sen que, de feito, se estudasen sobre o terreo os impactos á flora, fauna e xea. Cómpre a realización dun novo estudo de impacto ambiental no que se determinen con claridade as afeccións do trazado e no que se propoñan alternativas serias, procurando aqueles lugares que produzan menores afectacións, tanto á poboación humana como á fauna e á flora.

 

Verdegaia achega no texto da alegación alternativas razoadas que non atravesan o espazo protexido das Brañas de Laíño e outros enclaves sensíbeis barbanceses, melloran os parámetros de respecto ambiental e incluso reducen o propio custo material da obra.

 

Sen esquecer as graves afectacións ambientais do proxecto e o deficiente estudo do seu impacto, tamén hai que subliñar as afectacións ao patrimonio etnográfico e arqueolóxico, moitas delas facilmente evitables cunha pequena modificación ao trazado do gasoduto, como o caso da localidade de O Burato, que tantas –xustas- queixas está a xerar entre a poboación.

 

Verdegaia, ademais, ten presentado denuncia diante do Valedor do Pobo, polo incumprimento da lexislación no que se refire á exposición pública do mesmo. Non é de recibo que non se dispoña dunha copia dixital que facilite o acceso da cidadanía á información.

 

Lamentamos así mesmo que o proxecto se presente redactado integramente en castelán, malia que a obra que se proxecta está no territorio da comunidade autónoma de Galiza, sométese á información pública á cidadanía da bisbarra do Barbanza, e faise referenza a termos de flora, fauna e xea, etc. dos que secularmente se falou en galego con termos específicos e concretos na nosa lingua.

 

Semella que a empresa promotora do proxecto só pretende rematar canto antes cos trámites formais, sen afondar en que os requisitos legais están alí por algo. Os danos ao ambiente e ao patrimonio material e inmaterial e mais a participación cidadá parece que a Gas Natural non lle importan.

Mais a nós, onde vivimos, si nos importa.

Podes descarcar aquí as alegacións en pdf:

alegaciongasodutobarbanza