Presentámosche as 10 especies da nosa flora e fauna máis ameazadas de extinción. Fixemos unha listaxe con algunhas das especies con maior risco de extinción, procurando incluír representantes de diferentes grupos da nosa fauna e flora. Non buscamos incluír as que poderían ser, en rigor, as10 especies máis ameazadas, senón facer unha chamada de atención para que a Consellería de Medio Ambiente poña en marcha canto antes planos de recuperación para as especies en maior perigo de extinción. E non só para as máis emblemáticas ou populares.

 Vandenboschia speciosa. Especie de fento que vive en bosques das ribeiras dos río que só se acha nalgunhas cuncas fluviais da provincia da Coruña. Como acontece con outras especies de fentos en perigo de extinción, a destrución dos bosques autóctonos que os acobillan (talas, substitución por plantacións de eucaliptos e piñeiros,…) é a súa principal ameaza. vandenboschia_speciosa.jpg
 Carballo anano (Quercus lusitanica). En Galicia só existe unha poboación desta especie no Monte Pindo (Carnota), cuns poucos centos de exemplares. Os incendios reiterados na zona póñenna en risco. Da mesma forma que habería que facer con outras especies, sería conveniente crear unha microrreserva botánica para garantir a súa protección. Polo de agora, non existe ningunha microrreserva no noso país. quercus_lusitanica.jpg
 Armeria merinoi. Especie exclusiva de Galicia moi localizado no ámbito da serra de Careón, zona da Rede Natura 2000 situada no centro do país, no límite entre as provincias da Coruña e Lugo. Esta serra alberga outras especies botánicas exclusivas de Galicia que tamén están ameazadas de extinción (Leucanthemum gallaecicum, Santolina melidensis,…).  
 Genista ancistrocarpa. Especie de xesta da que en España só se coñecen dúas poboacións, a das Gándaras de Budiño, no sur da provincia de Pontevedra, e a de Doñana. As Gándaras de Budiño é un dos espazos da Rede Natura 2000 máis degradados e ameazados.  
 Mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Molusco de auga doce en regresión en todo o sur de Europa e a piques de se extinguir en Europa central por causa da deterioración dos ríos (encoros, canalizacións, contaminación,…) En Galicia só vive nalgúns ríos. Nos ríos Landro e Mandeo atópanse os principais poboamentos estábeis e reprodutores de Europa. margaritifera_margaritifera.jpg
 Maculinea alcon. Especie de bolboreta que vive en zonas húmidas, outeiros e montañas. As súas ameazas son a desecación de zonas húmidas, as plantacións de piñeiros e a presión turística.  
 Salmón (Salmo salar). Trátase dunha especie considerada en perigo de extinción polos expertos, a pesar do cal aínda se permite a súa captura. En Galicia, está o límite meridional de distribución da especie en Europa. O cambio climático pode contribuír ao declive das nosas poboacións de salmón. salmo2.jpg
 Sapoconcho común (Emys orbicularis). Tartaruga autóctona de auga doce que sufriu unha dramática redución da súa área de distribución no século pasado e que hoxe só aparece en escasas e dispersas localidades das provincias de Pontevedra e Ourense.  
 Águia real (Aquila chysaetos) . Circunscrita actualmente como nidificante a áreas montañosas da provincia de Ourense. Entre as ameazas para esta especie figuran a apertura de pistas, os tendidos eléctricos, as plantacións de piñeiros en zonas de mato e as estacións de esquí. agui2.jpg
 Bufo real (Bubo bubo) . É a maior ave de rapina nocturna. Vive en rochedos, lugares escarpados e canóns de vales fluviais, xeralmente de montaña. Os seus efectivos nidificantes son moi escasos. Unha das principais ameazas para esta especie é a apertura de pistas no contorno dos niños. bufo.jpg

Os datos referidos aquí proceden do libro A natureza ameazada 2004, editado polo Consello da Cultura Galega.