Máis de 50 colectivos sairemos á rúa para manifestar a nosa indignación e exixir medidas á Xunta ante a actual vaga de lumes

A plataforma “Por un monte galego con futuro”, da que forma parte a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e integrada por numerosas asociacións e colectivos do país, convocan concentracións nas 7 cidades cidades galegas para o xoves 21 de xullo ás 20h (20:30 en Ourense).

Os actos amosarán o total apoio á veciñanza afectada así como aos colectivos dos profesionais que traballan na prevención e extinción dos lumes, así como o rexeitamento á suicida política forestal da Xunta. As concentracións organízanse en resposta á vaga de incendios que está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galiza. As entidades convocantes reclamamos a declaración de “zona cartastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes, así como accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración.

Co obxecto de que o goberno da Xunta escoite unha soa voz que percorra o país ao berro de LUMES NUNCA MÁIS, a  plataforma “Por un monte galego con futuro”, anima á sociedade galega a saír á rúa, asistindo ás  concentracións convocadas na Coruña, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.