antitouradas-2012Pontevedra volve un ano máis a incluír touradas no programa de festas da Peregrina. A pesar das multitudinarias manifestacións populares que cada verán solicitan a súa fin, as administracións seguen permitindo que unha industria, que se fundamenta na tortura e morte de animais por lecer, siga exercendo a súa actividade en Galicia.

Dende Verdegaia entendemos que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non-humanos.

As touradas non poden manterse como unha excepción ao maltrato animal, é cultural e socialmente ofensivo que a ‘Lei de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Cautividade’, no seu art.5, as exceptúe da prohibición xeral de provocar danos ou sufrimentos a animais en espectáculos.

Por iso insistimos na necesidade de que este texto legal sexa sometido a unha profunda revisión e así poida funcionar para o que foi creado: un instrumento de protección e garantía dos dereitos dos animais.

Como reflexo do mal estar que esta situación xera na cidadanía, diversas asociacións entre as que se encontra Verdegaia, apoian a manifestación que a plataforma antitaurina de Pontevedra convoca para o sábado 11 de agosto. Baixo o lema “Nin arte nin cultura” sairá ás 20:00 dende A Peregrina e reclamará a abolición das touradas.