mercurio_cero.jpgEcoloxistas en Acción demandou á representación permanente de España ante a UE, que apoie a adopción de medidas máis contundentes contra a contaminación por mercurio, co fin de protexer a saúde da cidadanía. Cómpre prohibir o uso de mercurio na industria do cloro-sosa, nas pilas botón e nos empastes dentais, pór uns límites máis estritos ás emisións das centrais térmicas de carbón e ampliar a prohibición de exportar produtos que conteñen mercurio e que xa están prohibidos na UE, como os termómetros. Por outro lado, Ecoloxistas en Acción porá en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente as medicións de mercurio na contorna da fábrica de cloro de Pontevedra.

Nestes momentos o grupo de traballo do Consello Europeo de Medio Ambiente está a revisar a Estratexia Comunitaria do Mercurio. Ecoloxistas en Acción pediu a Miguel Castroviejo, Iñigo Ascasibar e Pilar García, representantes permanentes de España ante a UE para asuntos ambientais, que apoien a ampliación das medidas a tomar contra esta grave contaminación que afecta directamente á saúde, sobre todo a dos nenos.

O mercurio é un metal pesado cuxa presenza non deixa de aumentar en todo o mundo. A súa forma máis tóxica, o metilmercurio, acumúlase nos peixes e sobre todo nos grandes depredadores como o atún, a quenlla ou o peixe espada. O mercurio afecta ao desenvolvemento do cerebro, polo que é particularmente perigoso para as mulleres embarazadas ou en período de lactación, os bebés e os nenos, e cada vez é maior a evidencia científica sobre o seu impacto negativo a longo prazo en toda a sociedade.

O papel da UE foi fundamental para que o Programa para o Medio de Nacións Unidas (PNUMA) acordase elaborar un tratado internacional de obrigado cumprimento sobre o mercurio para 2013. Ecoloxistas en Acción esixe que a UE siga liderando a loita mundial contra o mercurio e que se teñan en conta os resultados da consulta previa sobre a estratexia, na que os Estados membro pediron que se fixe unha data de prohibición do uso de mercurio na industria do cloro-sosa, nas pilas botón e nos empastes dentais, medida esta última apoiada pola Organización Mundial da Saúde.

Centrais térmicas de carbón: a maior fonte de emisión de mercurio á atmosfera

Tamén hai que poñer uns límites máis estritos ás emisións das centrais eléctricas de carbón, que son a maior fonte de emisión de mercurio á atmosfera, e ampliar a prohibición de exportar produtos que conteñen mercurio e que xa están prohibidos no mercado europeo, como os termómetros.

É fundamental que a revisión da Política do Mercurio da UE endureza as medidas a tomar, as faga máis concretas e ambiciosas e acelere o seu cumprimento. Só con visión de futuro se logrará reducir as emisións, a oferta e a demanda do mercurio en todo o ámbito comunitario.

Mercurio na contorna da fábrica de cloro de Pontevedra

Por outra parte, as medicións de mercurio realizadas este verán por Ecoloxistas en Acción nos arredores das fábricas de cloro de (Lourizán) Pontevedra e Flix (Tarragona), onde se mediron uns  níveis escandalosos de mercurio en aire, serán levadas á Fiscalía de Medio Ambiente.

Noticia relacionada:

Preocupantes níveis de mercurio en Lourizán (Pontevedra)