Ecologistas en Acción, Greenpeace, WWF España, Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya Verds (IU-ICV) e CC.OO presentaron no Congreso unha Proposición de Lei (PL) sobre Fiscalidade Ambiental que ten como obxectivo acometer mudanzas no actual marco normativo fiscal introducindo criterios ambientais en impostos existentes, creación de novos impostos e reforma con criterios ambientais da fiscalidade das facendas locais.

Esta Proposición de Lei prevé novos impostos sobre a enerxía nuclear, o vertido e a incineración de residuos e as bolsas de plástico. Estes impostos súmanse a modificacións que se introducen nos impostos existentes sobre hidrocarburos, matriculación, imposto de sociedades, IRPF e IVE. Polo que atinxe ás facendas locais, modifícanse as taxas de residuos, o imposto de circulación, o imposto sobre construcións, instalacións e obras e o IAE.

Con esta iniciativa procúrase gravar en maior medida as actividades máis contaminantes, eliminar certos beneficios fiscais ambientalmente inxustificables e bonificar as prácticas máis sustentables. "O obxectivo fundamental e prioritario da proposta é mudar comportamentos da cidadanía e as empresas no consumo de bens e servizos, substituíndo uns, os de maior impacto ambiental e emisións de CO2, por outros de menor impacto e máis eficientes enerxeticamente", insistiron.

Tamén se busca promocionar sistemas de transporte e usos do solo "máis sustentables" con transporte público e vehículos menos contaminantes, rehabilitación, agricultura máis sustentable, enerxías renovables e investimentos ambientais.

Algunhas das mudanzas que se introducen nos impostos actualmente existentes son:

-No imposto sobre hidrocarburos elimínase a exención que até agora tiña para os voos domésticos, auméntanse as tarifas do fuelóleo e búscase a converxencia de tipos entre o gasóleo e a gasolina.

-No imposto sobre determinados medios de transporte (matriculación) elimínase a exención do imposto da que desfrutaban até agora todas as embarcacións de recreo e as aeronaves e nos vehículos e motocicletas refórzase o vínculo entre o tipo impositivo e as emisións de CO2 aumentando o número de categorías existentes e tomando en consideración outras formas de contaminación por medio das categorías euro.

-No imposto de sociedades introdúcense deducións para investimentos de aforro de enerxía e auga e en gastos para favorecer a mobilidade sustentable dos seus traballadores.

-No IRPF introdúcese unha dedución por adquisición de abonos de transporte público por parte dos traballadores.

-No IVE aplicaríase o tipo normal no canto do reducido a servizos como a fumigación de plantacións ou o transporte aéreo e aplicaríase, porén, o IVE reducido ás rehabilitacións e vivendas protexidas.

Os novos impostos (estatais) que se crearían son:

-Un imposto sobre a enerxía nuclear e o almacenamento de residuos radiactivos, cuxa recadación destinaríase en parte a un Fondo para o desenvolvemento alternativo das zonas onde se ubican as centrais.

-Un imposto sobre o vertido e a incineración de residuos, cuxos ingresos  cederíanse ás CC.AA. e do que se exclúen as CC.AA. que xa o teñen estabelecido.

-Un imposto sobre as bolsas de plástico dun só uso, semellante ao estabelecido por Irlanda.

-Un imposto sobre a mudanza de uso do solo cuxa finalidade é desincentivar a urbanización excesiva gravando as actuacións de nova urbanización e favorecer un urbanismo compacto. A recadación destinaríase ao Fondo para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade creado pola lei 42/2007.

-Un imposto sobre sustancias de elevado nivel de preocupación, como as clasificadas pola normativa como carcinóxenas, mutáxenas ou tóxicas para a reprodución, para favorecer o consumo de sustancias alternativas menos prexudiciais para a saúde humana e laboral.

Polo que respecta ás facendas locais modificaríanse no seguinte sentido:

-As taxas de residuos definiríanse con criterios ambientais.

-Os tipos do IBI modularíanse en función do certificado enerxético do edificio e tería un recargo a segunda residencia.

-O imposto de circulación modularíase tamén segundo as emisións de CO2 e as categorías euro.

-No imposto sobre construcións, instalacións e obras diferenciaríase entre as de solo urbano consolidado ou edificado e as unifamiliares e bonificaríase o aproveitamento de augas grises. Similar diferenciación aplicaríase no imposto de plusvalías.

-Defínese un imposto sobre a pernoita, que gravaría a estadía en aloxamentos turísticos, que se podería aplicar voluntariamente por parte dos concellos.

-No IAE eliminaríase a bonificación que agora teñen as empresas afastadas do casco urbano, que actualmente carece de sentido, e bonificaríase a empresas con transporte colectivo ou plano de mobilidade, ou con sistema de xestión ambiental EMAS.

Esta Proposición de Lei non ten a intención de incrementar a recadación senón actuar sobre as vías polas que se obtén dita recadación, favorecendo unha economía máis sustentable. Aumenta nalgúns casos a recadación fiscal (hidrocarburos, enerxía nuclear, vertido e incineración, bolsas de plástico, pernoita, mudanza de uso do solo, taxas de residuos…), mais diminúea noutros casos (imposto de sociedades, IAE, IRPF…). Noutros casos como no IVE ou nos impostos de matriculación e circulación aumenta ou diminúe a recadación dependendo do tipo de produtos obxecto de gravame.

Os ingresos que se deriven desta proposta non terían polo xeral destino finalista, senón que irían ás arcas do Estado, das Comunidades Autónomas ou dos municipios, coa excepción unicamente do imposto sobre a enerxía nuclear, que se destinaría parcialmente a un Fondo estatal para a reactivación das zonas onde se ubican as centrais nucleares, e do imposto sobre a modificación do uso do solo, que podería ir ao xa existente Fondo Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

Documentación:pdf Proposición de Lei sobre Fiscalidade Ambiental