Para Ecologistas en Acción o Cumio extraordinario de Nacións Unidas sobre a Mudanza Climática encheuse de grandes discursos por parte dos Xefes de Estado. Todos coinciden sobre a urxente necesidade de reducir emisións de gases de efecto invernadoiro. Ouvíndoos parece imposible non chegar a un acordo en Copenhague, xa que todos o cualifican de importantísimo e ineludible. O problema é que cada un fala sobre o que deben facer os outros.

O principal exemplo desta cínica estratexia é por suposto EUA, que reclama aos países en desenvolvemento, e en especial a India e China, o compromiso para recortar as emisións que o país norteamericano non está disposto a ofrecer. Obama di pouco sobre o esforzo que debe facer EUA, e limítase a ofrecer compromisos inferiores aos que lles correspondería de ter aceptado o actual Protocolo de Quioto, e conténtase con volver á situación de 1990 para o ano 2020. Pero é que ademais o Congreso americano non quere asumir ningún compromiso para este ano. Iso ben podería significar que EUA fixese fracasar a consecución dun acordo mundial en decembro próximo.

O Presidente español tamén falou en Nova Iorque sobre a importancia de parar as alteracións climáticas, mais dixo nada sobre o acordo interno da UE que permite a España en 2020 emitir até un 30% máis que en 1990. Pasado 2012 e superado o apuro do cumprimento de Quioto, xa no haberá que se preocupar de diminuír emisións, agás no caso de que nos pasemos tanto da raia como esta última década. Desde logo non somos un bo exemplo malia o crecemento das renovables.

Ofrece unha fiestra á esperanza, porén, a declaración chinesa, segundo a cal xa ten un obxectivo de redución de gases de efecto invernadoiro para os próximos seis anos. Non se sabe aínda a súa contía, mais pode ser un avanzo moi significativo no taboleiro de negociación. Talvez algúns países ricos se vexan forzados a "mover ficha".

De cara ao futuro acordo sobre o clima, Ecoloxistas en Acción insta ao Goberno español e aos seus homónimos europeos a abordaren as negociacións cunha estratexia de confianza. Os países industrializados deben comprometerse de xeito unilateral a reduciren as emisións un 40% para 2020. Necesitamos un acordo xusto, onde os países que provocaron a mudanza climática respondan sen condicionantes ao chamado urxente da comunidade científica e da sociedade civil.