Verdegaia presentou comentarios perante o Ministerio de Medio Ambiente dentro do período de consulta pública aberto para a elaboración do Plan Nacional de Asignación de Dereitos de Emisión (PNA) para o período de 2008-2012, o principal instrumento para cumprir o Protocolo de Quioto. O Goberno central presentará proximamente unha proposta de PNA que deberá ser remitida á Comisión Europea antes do 30 de Xuño.
Verdegaia enviou os comentarios na mesma semana en que se divulgou que as centrais térmicas galegas emitiron 14 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) en 2005. Trátase dunha cifra similar á dos últimos anos e que supera os 10,9 millóns de toneladas que suman os dereitos gratuítos asignados no PNA 2005-2007 para 2005, dereitos que irán diminuíndo nos próximos anos. Este exceso supón un sobrecusto para ENDESA e para UNIÓN FENOSA, ao teren que comprar CO2 no mercado (o seu valor é duns 30 euros por tonelada de CO2), ou pagaren unha multa (de 40 euros por tonelada).
Por outro lado, segundo un informe que vén de ser divulgado polo Worldwatch Institute e por CCOO, as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro en 2005 foron superiores nun 45,9% ás do ano 90, o ano base para o Protocolo de Quioto. Trátase dun dato moi negativo que pon de manifesto tendencias moi insustentábeis na produción e tamén no consumo de enerxía no noso país, especialmente no sector residencial, comercial e institucional e no sector do transporte. Polo tanto, Galiza contribúe de forma significativa a que o Estado español sexa o máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto.
PNA 2008-2012
Os comentarios que Verdegaia enviou ao Ministerio de Medio Ambiente de cara á elaboración do PNA 2008-2012 sintetízanse nos seguintes puntos:
– O PNA 2005-2007 foi demasiado xeneroso co sector eléctrico. A asignación ás centrais térmicas debería ter sido estritamente proporcional á electricidade xerada. Deste xeito, non se tería favorecido, en certa medida, ás centrais térmicas de carbón, o combustíbel fósil que máis contribúe ao cambio climático en relación á electricidade que xera.
– A cantidade total de dereitos gratuítos de emisión asignados aos sectores que participan no comercio de emisións non debería ser superior ás súas emisións en 1990 incrementadas un máximo do 15%, de acordo co límite de aumento fixado para España no ámbito do acordo da UE para o cumprimento do Protocolo de Quioto.
-O reparto do esforzo entre os sectores que participan no comercio de emisións e o resto dos sectores debe ser proporcional á súa participación na xeración de emisións. Favorecer neste reparto aos sectores afectados polo comercio de emisións penalizaría os sectores difusos (doméstico, comercial, transporte, agricultura…), o que dificultaría aínda máis o cumprimento do Protocolo de Quioto e conlevaría maiores custos sociais. Para reducir as emisións nos sectores difusos, cómpre unha aposta maior polo aforro e a eficiencia enerxéticas e un xiro radical nas políticas de transporte e de infraestruturas.
-Dentro dos sectores afectados polo comercio de emisións, debe pedirse un maior esforzo ao sector eléctrico, por ser o que maiores posibilidades de redución posúe (eficiencia, enerxías renovábeis, substitución de carbón por gas natural). As asignacións deberían facerse sobre a base das emisións promedio por kWh e non por volume de CO2 xerado, é dicir, debería prexudicarse no reparto ás centrais de carbón, as máis intensivas en emisións.
-En particular, o PNA 2008-2012 debería ser moi restritivo coas centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Alén de ter en conta que son centrais con máis de 25 anos de vida que utilizarán só carbón de importación a partir do 2008 procedente de lugares moi afastados (Indonesia,…), contribuíndo así a xerar máis emisións no transporte, cómpre considerar que Galiza, no período considerado polo Protocolo de Quioto, fixo un esforzo moi importante no desenvolvemento da enerxía eólica terrestre de alta potencia, nalgúns casos mesmo con importantes afeccións a zonas de alto valor ecolóxico, sen que, polo de agora, iso conlevase unha reducción significativa e continuada da produción das centrais das Pontes e de Meirama, responsábeis en 2005 elas soas dunha terceira parte das emisións galegas que provocan o cambio climático. Por outra banda, no período 2008-2012 estarán en funcionamiento dúas novas centrais térmicas en Galiza, de ciclo combinado a gas natural (As Pontes e Sabón).
-O PNA 2008-2012 debe contribuír a reducir de forma moi significativa o volume de emisións do conxunto das centrais térmicas de Galiza, evitando que a entrada en funcionamento de novas centrais de ciclo combinado o imposibilite, se non se reducen na medida necesaria as emisións das térmicas de carbón. Ademais, se o PNA 2008-2012 non penaliza suficientemente as térmicas de carbón galegas, favorecería un maior excedente de electricidade en Galiza, cando, en termos de eficiencia enerxética, é desexábel que a distancia entre os lugares de produción e de consumo sexa a menor posíbel.
Ciberacción de WWF/Adena sobre o PNA 2005-2008
O enfoque restritivo na asignación de dereitos de emisión ao sector eléctrico e a penalización forte do carbón como fonte de produción eléctrica están a ser defendidos desde o movemento ecoloxista estatal. Esta medida incidiría especialmente sobre as comunidades autónomas cunha maior porcentaxe de produción eléctrica a partir de carbón (Galiza, Asturias, Castela e León e Aragón).
A xuízo de Verdegaia, a defensa dos intereses xerais e lexítimos da nosa terra, das xeracións actuais e futuras, non pasa pola asignación xenerosa de dereitos a ENDESA e a UNIÓN FENOSA para emitir CO2 desde centrais de carbón moi contaminantes, nin por defender o “dereito” de Galicia a ter unhas emisións por habitante que están hoxe moi por riba das mundiais e das ecoloxicamente aceptábeis. A defensa dos intereses de Galiza que queremos supón desincentivar a produción de electricidade con carbón, así como traballar, con visión solidaria e a longo prazo, pola mitigación do cambio climático global.
Por iso, desde Verdegaia convidámoste a apoiar a ciberacción de WWF/Adena a favor dun PNA 2008-2012 que sirva para cumprir o Protocolo de Quioto.